Os feirantes manteñen o pulso co Concello: "Ou cambian as cousas ou non vimos ás festas"
Por Alejandro Espiño
Un nutrido grupo de feirantes ameaza con plantarse e non acudir ás festas de verán en Pontevedra. Non están conformes coas condicións impostas para optar aos postos nos que se instalarán casetas, atraccións e postos de venda. "A día de hoxe estamos por non vir", afirman, algo que advirten que pasará "se non cambian as cousas".
O seu malestar parte dun proceso de adxudicación que non atende as peticións que, segundo este colectivo, o goberno municipal comprometeuse a incluír tras a anterior poxa, celebrada hai dous anos e que veu precedida por un pulso similar ao deste ano.
Os afectados, chegados de Galicia e outras localidades como Asturias ou León, critican que o Concello "non se dirixiu a nós" antes de convocar esta nova poxa en cuxos pregos aprecian requisitos cos que non están de acordo e que consideran "inxustos".
Así, entre outras cuestións, denuncian que nalgunhas parcelas "están a poñer metros que non existen" polos que terían que pagar, mentres que outras "son demasiado pequenas" para as atraccións máis grandes polo que "non collen onde nos din que teñen que ir".
Consideran tamén que os prezos fixados son "abusivos" e están "fóra da realidade" ou que lles aplican unha taxa de luz "que non sabemos de onde sae" e solicitan que á hora de adxudicar os postos non só prime a mellor oferta económica, senón que se teñan en conta cuestiones como a antigüidade ou a profesionalidade demostrada.
"É unha chapuza de poxa", aseguran os feirantes, que lamentan a "soberbia" coa que son tratados por parte do Concello. "Non se trata de que nos regalen nada, pero isto é un abuso", explican, xa que "só queremos traballar e non montar guerra ningunha".
A adxudicación dos postos outorga 122 prazas para as festas de Santiaguiño do Burgo e 245 para as Festas da Peregrina. Será por dous anos, 2018 e 2019. Nos festexos patronais, por exemplo, os prezos oscilan entre os 115 euros do posto de venda de artesanía máis pequeno -seis metros cadrados- e os 10.750 euros do máis grande, a pista de coches de choque.
Desde o goberno municipal trasladan que a contratación dos postos realizarase en base a uns pregos redactados polos técnicos e defenden que este procedemento regrado é o mesmo que se segue noutro tipo de contratacións.
Con respecto ás peticións que realizan os feirantes, sinalan que a estas alturas "non podemos interferir" nun proceso administrativo "aberto", xa que se recibiron xa numerosas ofertas polos postos. Ademais, aseguran que durante meses mantivéronse "múltiples reunións" co sector para acordar os requisitos.