Moraña renovará o frontal da capela de Santa Margarida e a súa senda peonil
Por Redacción
O Concello de Moraña vai impulsar a renovación integral da senda da capela de Santa Margarida, nun treito de máis de 900 metros en toda a contorna deste ben relixioso e do lugar, así como o acondicionamento da parte frontal da fachada deste templo, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
Con motivo desta próxima actuación, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse ata a zona para comprobar que todas as necesidades, ao abeiro desta obra, aparecen recollidas no proxecto.
Nesta visita, destacou que este importante investimento "pretende seguir coa aposta do goberno local pola recuperación do noso patrimonio, a prioridade da mobilidade peonil no medio rural e o fomento dos percorridos de carácter cultural".
O proxecto, que vai executarse despois das festas da Santa Margarida fixadas para o 20 de xullo, conta cun orzamento de 58.000 euros e está cofinanciado pola Axencia Turismo de Galicia, que aportará preto de 40.000, sufragándose a contía restante con fondos municipais.
En principio, está previsto que as obras se prolonguen por espazo de dous meses.
A creación desta senda turística inclúe a renovación do paseo actual nun treito de 909 metros entre o núcleo da Chociña e a contorna peonil de Alberguería, cruzando deste xeito todo o núcleo de Santa Margarida, na parroquia de Saiáns.
Para iso, realizaranse traballos de limpeza, dotación de aglomerado, acabados en pavimento de tres capas a cor, instalación de bordos de formigón e o pintado de cebreados e do símbolo do peregrino, xa que esta capela é un importante lugar de culto no marco das rutas relixiosas.
A preparación desta senda, que terá unha anchura de 1,80 metros, completarase co acondicionamento da zona frontal da capela, que se pavimentará con lastro en cor nun espazo de 580 metros cadrados para que sirva de punto de encontro e de remate da senda na zona previa ao ascenso á capela.