Os faros galegos convértense en murais de azulexos
Por Redacción
Unha exposición itinerante de murais de azulexo chega a Sanxenxo. Trátase dunha mostra que ten como fío condutor os faros galegos e que poderá visitarse ata finais do mes de agosto no paseo de Silgar.
As obras, integradas nun concurso organizado por unha empresa de Cee, están realizadas por alumnos de institutos e por asociacións, sen ánimo de lucro, de persoas que posúen necesidades específicas de apoio educativo, promovendo así a súa inclusión social.
O tema do concurso deste ano son os faros, un elemento moi importante debido á nosa xeografía.
Os faros non só son un punto de luz, lembran os organizadores da exposición, senón un salvavidas e un guía; facendo unha chiscadela aos mariñeiros, unha profesión tan propia desta costa, así como aos fareiros co seu labor de iluminar o seguro regreso a casa destes.
Paz Lago, concelleira de cultura e educación, destaca que con esta exposición búscase ofrecer un espazo de divulgación de arte urbana, "creando puntos de encontro entre cultura e arte e valorando obras feitas por mozos que o día de mañá serán o noso futuro".