Bueu activa unha oficina virtual para asuntos tributarios
Por Redacción
Unha ferramenta que reduce os tempos de agarda e fomenta o mecanismo de acceso aos trámites tributarios. Así describe o alcalde de Bueu, Félix Juncal, as virtudes da nova Oficina Virtual Tributaria (OVT) que, a partir de agora, poden utilizar os cidadáns.
Trátase dun portal desde o que os contribuíntes poderán realizar comodamente os seus pagamentos a través da rede. A posta en marcha deste servizo coincide co comezo do período de cobranza do imposto de bens urbanos (IBI), que estará aberto ata o 31 de agosto.
Para levar a cabo a operación, é suficiente con que accedan a ela a través da web oficial do Concello, e no apartado "Pagar os meus recibos" introduzan o seu DNI e a referencia de cobro.
Esta mellora súmase á recente renovación da páxina web municipal, coa que "continuamos impulsando a participación cada vez máis activa da cidadanía na administración", subliñou o rexedor.
As posibilidades da OVT son moito máis amplas, pois unha vez que as persoas se identifican mediante certificado dixital poderán acceder á conta tributaria co Concello, dende a que poderán realizar numerosas operacións de carácter administrativo.
Así, entre outras, poderán revisar expedientes de xestións, consultar cartografía do Catastro, domiciliar recibos, pagar taxas e impostos, modificar datos personais, imprimir un xustificante de recibos pagados ou identificar a condutores en sancións de tráfico.