Coches clásicos dos 60 e os 70 xuntaranse este domingo en Ponte Caldelas
Por Redacción
Sesenta vehículos chegados de toda Galicia, entre eles unha escolma dos mellores clásicos dos 60 e dos 70, xuntaranse este domingo 15 de xullo en Ponte Caldelas para participar na terceira concentración de vehículos clásicos que se organiza no municipio.
O programa desta concentración arranca ás 9.30 horas coa chegada á Alameda e preparación da ruta polo rural. Estará tamén un autobús de liña histórico, propiedade da empresa Cuiña, un camión Bedford, de finais dos anos 50, da empresa Norte Sur e tamén outro camión histórico da marca Ebro.
A caravana volverá poñer en valor o rural do municipio facendo unha ruta que abrangue boa parte das parroquias. Así, tras a concentración, a ruta partirá ás 14.00 horas de Tourón, continuando por Santana, A Reigosa, Xustáns, Taboadelo, Silvoso e A Roca, con chegada á Alameda e estancia ata as 20.00 horas.
A actividade é froito da colaboración entre o Concello de Ponte Caldelas e os Amigos dos Vehículos Antigos (AVA), asociación fundada en 1984 que ten un centenar de socios e que organiza unha media de catro actividades deste tipo ao longo do ano, a máis coñecida delas, a Ruta da Lanzada.
O alcalde, Andrés Díaz, e o tesoureiro de AVA, Enrique Vázquez, foron os encargados de facer a presentación dunha actividade que sempre concita o interese de moito público.
Vázquez subliñou a forza da concentración de Ponte Caldelas, unha das máis atractivas das que celebran ao longo do ano e para poñela en valor decidiu acudir ao Concello caldelán a bordo dun MGB fabricando por British Leyland en 1972.
É un coche histórico dotado cun motor de 1.800 centímetros cúbicos e 96 cabalos de potencia. Unha xoia que chegou ás súas mans doutro coleccionista que o tiña adquirido en Alemaña.