Chegan á Fiscalía os incidentes no sorteo de postos do mercado de Marín
Por Natalia Puga
As situacións de tensión e incidentes rexistrados o pasado 14 de xuño durante o sorteo dos postos do mercado de Marín chegaron á Fiscalía Provincial de Pontevedra. Unha persoa denunciou as presuntas coaccións que sufriu aquel día na casa consistorial marinense.
Segundo indicaron fontes coñecedoras da denuncia, esta persoa relatou os episodios e falou de posibles coaccións, aínda que non transcenderon detalles específicos da queixa.
Aquela mañá vivíronse en Marín situacións de tensión e mesmo presuntas ameazas entre os feirantes que optaban a algunha das prazas ofertadas. As tiranteces producíronse entre membros de dous clans familiares diferentes entre os feirantes, os coñecidos como os 'Moróns' e os 'Zamoranos'.
Existe un atestado policial por ameazas e desordes públicos, pero, nun primeiro momento, ningún dos feirantes presuntamente ameazados presentou denuncia ante as policías local ou nacional de Marín.
As forzas de seguridade e o Concello temíanse aquel día a posible situación de tensión, de modo que previamente xa se deseñou un operativo de seguridade que implicaba ás policías local e nacional de Marín e que se despregou tanto dentro como fóra da casa consistorial marinense, en cuxo interior se producía o sorteo.
O incidente produciuse antes da hora fixada para o sorteo, as 11.00 horas. Segundo fontes municipais, membros do clan dos 'Moróns', liderados polo considerado príncipe dos xitanos de Galicia, Sinaí Giménez, impediron a entrada aos 'Zamoranos'. "Fuera de aquí, no tenéis nada que hacer aquí", dixéronlle uns a outros no exterior do consistorio, producíndose un enfrontamento entre uns e outros no que algún policía chegou a ver algunha navalla, aínda que finalmente non foi localizada a pesar de que se cacheou ao home que presuntamente a esgrimía.
Segundo explicou no seu día o concelleiro responsable da Policía Local de Marín, Francisco José Estévez, testemuñas presenciais aseguran que houbo ameazas verbais duns a outros feirantes, pero non hai constancia de ameazas físicas nin agresións.
Finalmente, amedentrados, parte dos feirantes, os 'Zamoranos', abandonaron o lugar dirixíndose á parte traseira do consistorio. Estes feirantes non chegaron a entrar no Concello, de modo que non optaron ao sorteo dos postos.
Fontes oficiais da Comisaría da Policía Nacional indicaron que en primeiro lugar presenciaron os feitos os axentes municipais e, xusto despois, chegaron os policías nacionais. Á súa chegada, xa non viviron situacións de violencia nin disputa, pero testemuñas presenciais si lles referiron que houbo enfrontamentos verbais e ameazas.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Máis vixilancia policial no mercado ambulante de Marín despois da agresión a unha muller embarazada
Por Anxo Lourido |
-
Cruzamento de denuncias por un enfrontamento no mercado de Marín cunha embarazada agredida
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Marín estrea a ampliación do seu mercado ambulante
Por Redacción |
-
O sorteo de postos para o mercado de Marín acaba en lea
Por Redacción |