O segundo Plan Social de Ence entregará axudas a cerca de 300 proxectos en Pontevedra
Por Redacción
A segunda convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra repartirá tres millóns de euros entre un total de 296 proxectos. Unha vez concluídos os traballos de valoración levados a cabo pola comisión de seguimento do Pacto Ambiental entre a Xunta de Galicia e Ence, o 63% dos proxectos presentados resultaron beneficiarios.
Segundo os datos facilitados este martes pola empresa, á convocatoria presentáronse un total de 470 proxectos e os 296 seleccionados supoñen que as axudas da pasteira chegarán a 70 beneficiarios máis que na primeira edición do Plan Social de Ence. A empresa sostén que estas cifras mostran a gran acollida da iniciativa.
A área de actuación que máis proxectos recibiu foi o de Apoio ao Deporte de Base, con 175 solicitudes e 111 outorgados. A segunda foi a de Apoio á Educación e Cultura, con 57 solicitudes e 50 adxudicadas. Na área de Recuperación e Coidado da Contorna foron seleccionadas 48 das 93 solicitudes. En Loita contra a Exclusión Social, 34 de 41. En Impulso ao Emprendemento e á Innovación, 28 do total de 65 proxectos presentados. E no ámbito das axudas veciñais, dos 38 solicitantes serán beneficiados 25.
A empresa xa procedeu a comunicar a resolución da convocatoria vía correo electrónico a cada unha das entidades ou persoas físicas que presentaron solicitude.
O director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, valorou que a empresa "valora moi positivamente" a gran acollida do Plan Social e o elevado número de proxectos e de persoas que recibirán achegas. Casal reitera o seu compromiso cos seus veciños de Pontevedra e confía en que o seu programa de responsabilidade social "seguirá contribuíndo de maneira destacada á calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra e a súa comarca".
A consultora EY foi a encargada da avaliación das solicitudes presentadas á segunda edición do plan. Realizou unha pormenorizada e detallada valoración de todos os proxectos, garantindo "o máximo rigor na selección das solicitudes presentadas".