A Lama estrea unha renovada ponte sobre o río Verdugo
Por Redacción
Tras un investimento superior aos 37.000 euros, a ponte sobre o río Verdugo na Lama xa presume do seu novo aspecto. Foi una actuación, financiada pola Deputación de Pontevedra, que consistiu no acondicionamento da vella estrutura e da explanada anexa.
A actuación vén a dignificar unha construción moi utilizada polos usuarios da praia fluvial, que agora no verán é moi concorrida, e que cruzan a pé dun lado a outro da área recreativa.
Os traballos realizados comezaron coa limpeza da ponte -que presentaba moita vexetación-, e coa pavimentación da parte superior, que serve de paso peonil entre ambas ribeiras do Verdugo e que estaba deteriorado polo paso dos anos. Tamén se renovaron as canalizacións.
En canto ao aparcamento, a intención era dar solución aos problemas de acumulación de auga, renovar a pavimentación e regular o estacionamento con nova sinalización horizontal e vertical para evitar o descontrol de vehículos que, sobre todo no verán, dificultaban o acceso aos residentes.
Esta obra, executada pola empresa EC Casas, fora unha petición do alcalde da Lama, Jorge Canda, ao goberno provincial. A Deputación, tras mellorar a zona, aceptou transferir a súa titularidade ao Concello.