Barro quere captar auga do Pontillón para combater a seca e mellorar o seu abastecemento
Por Alejandro Espiño
O encoro do Pontillón do Castro é visto por Barro como a solución aos seus problemas de abastecemento de auga potable. Así llo trasladou o seu alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, ao seu homólogo pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, na reunión que ambos mantiveron este martes.
Barro desexaba saber a disposición que tería Pontevedra a poder captar auga do seu encoro para paliar os recorrentes efectos da seca no seu municipio e que, o pasado verán, obrigou a recorrer a camións cisterna con auga depurada cedidos pola capital.
Tras consultar con Augas de Galicia, Fernández Abraldes trasladou a posibilidade de facer unha captación propia entre o Pontillón e o depósito principal do seu municipio. Sería unha rede duns cinco quilómetros que, xunto co correspondente bombeo, custaría uns 360.000 euros, segundo o proxecto técnico encargado polo goberno local de Barro.
A partir de aí habería que construír tamén, en terreos de Barro, unha depuradora que trate a auga do encoro. Para este proxecto, o alcalde buscará financiamento en Augas de Galicia, ao entender que o canon que cobra este organismo debe destinarse a este tipo de obras hidráulicas que melloren o abastecemento.
O alcalde de Barro explicou que o verán pasado foi "crítico", xa que a falta de choivas afectou enormemente os mananciais dos que, na súa gran maioría, fornécense os veciños do municipio. E é que tan só un 30% dos seus habitantes, segundo os datos municipais, teñen acceso á rede de abastecemento municipal.
O proxecto presentado a Pontevedra busca, neste sentido, ampliar o servizo a todos os veciños de Barro, para que poidan contar con auga potable a través desta rede e, mesmo, reforzar o abastecemento aos polígonos industriais do municipio.
Ademais, nos últimos meses, segundo destacou Xosé Manuel Fernández Abraldes, o Concello realizou unha serie de actuacións para mellorar as captacións de auga e a rede de abastecemento do municipio e colocáronse contadores nas vivendas particulares para controlar o consumo de auga.
A este respecto, Fernández Lores ofreceu a Barro a "máxima colaboración" do goberno municipal pontevedrés e destacou que "sempre que sexa posible" estarán á beira do concello veciño para colaborar na prestación de servizos "de calquera tipo".
Relacionadas:
-
O nivel de auga do Lérez empeza a ser "preocupante" pola falta de chuvias
Por Alejandro Espiño |
-
As reservas de auga de Pontevedra, máis altas que o verán pasado
Por Alejandro Espiño |
-
Xosé Manuel Fernández Abraldes optará á reelección como alcalde de Barro
Por Redacción |
-
Messi acometerá a mellora do depósito municipal de auga de Barro
Por Redacción |
-
Barro recibe fondos provinciais para a reparación do depósito de augas municipal
Por Redacción |