Os traballadores do servizo de lixo de Marín convocan protestas para evitar a rebaixa do seu salario
Por Anxo Lourido
A negociación do convenio colectivo de Urbaser encóntrase rota. A empresa encargada da recollida do lixo en Marín propuxo reducir o soldo dos 15 empregados ata un 12%. Dende o sindicato Comisións Obreiras consideran "inaceptable" esta medida porque supón volver cobrar o salario de 2007. A empresa xustifica esta baixada nos atrasos que sofren no pagamento do servizo por parte do concello de Marín.
Ante esta situación, o equipo de traballadores de Urbaser ten previsto iniciar un calendario de protestas durante a próxima semana. Desta forma, esperan forzar a empresa a que volva sentarse a negociar un convenio con mellores condicións salariais e laborais. Os representantes sindicais alertan de que se non se chega a un acordo ao longo deste mes se convocaría unha folga do servizo de recollida de lixo ao longo do mes de xuño.
O secretario comarcal de CC.OO, José Luis García Pedrosa, indicou que estes conflitos "son consecuencia da reforma laboral".