O goberno de Andrés Díaz afirma que o servizo do CIM se mantén e unicamente con fondos municipais
Por Redacción
"É falso que non exista CIM en Ponte Caldelas", afirma o goberno local de Ponte Caldelas que sinala que este servizo é de carácter municipal e se xestiona con fondos propios desde que as traballadoras do Centro de Interpretación da Muller, unha psicóloga e unha avogada, gañaran a sentenza derivada da contratación polo anterior goberno do Partido Popular.
O grupo de goberno tripartito que lidera Andrés Díaz sinala que o culpable desta situación foi o goberno municipal do PP entre 2007 e 2015, que cometeu irregularidades na contratación executando once prórrogas a unhas traballadoras autónomas.
Segundo o goberno local, cumpriuse coa sentenza e o servizo de atención á muller é municipal, con plena capacidade organizativa. Sinala que mesmo se ampliou o horario de atención ás mulleres.
Desde o Concello afirman que o comunicado do Mulleres en Igualdade é "rotundamente falso" e culpa o Partido Popular de "indecencia política" ao utilizar un asunto xa resolto. Ademais aseguran que "o PP ten sorte de que non se teña presentado unha denuncia ou querela por prevaricación".
O goberno de Díaz lamenta que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, confunda o seu cargo institucional e a súa filiación política ao afirmar que Ponte Caldelas non solicitou subvencións europeas en materia de Igualdade cando, desde o Concello, se solicitou unha axuda de 7.444 euros na liña do Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. O goberno local asegura que esta solicitude atópase na listaxe de espera, debido aos "crieterios case sempre pouco transparentes da Xunta".