Unha avaría de auga na zona do CGTD provoca problemas de subministración na cidade
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A rotura dunha tubaxe de auga no Centro Galego de Tecnificación Deportiva provocou esta mañá problemas de subministración na cidade de Pontevedra.
Segundo confirmaron desde a empresa Viaqua, que xestiona o servizo de abastecemento de auga de Pontevedra, o incidente produciuse sobre as doce do mediodía en Pai Gaite.
A auga comezou a saír a gallarón polas inmediacións das pistas de atletismo do complexo deportivo, que quedaron parcialmente alagadas.
Os técnicos da empresa acudiron ao lugar e illaron a zona da avaría. Tras realizar un bypass temporal para sortear a rotura, o servizo comezou a restablecerse nas zonas afectadas.
Esta avaría provocou a perda de presión de auga en practicamente toda a cidade, pero sen que se cortara a subministración, segundo os técnicos. Iso si, naqueles inmobles de maior altura, é probable que a auga non puidese chegar a todos os pisos.
Segundo trasladaron desde o Concello, a avaría quedou reparada sobre as oito da tarde. Tamén se secaron as pistas de atletismo. A partir do xoves comezarán os traballos para repoñer todo o céspede na zona.