Serviocio seguirá á fronte das piscinas de Campolongo os próximos vinte anos
Por Alejandro Espiño
Non haberá cambios na xestión do complexo deportivo de Campolongo. A empresa Serviocio, actual concesionaria, seguirá á fronte das instalacións durante o próximos vinte anos, a duración do contrato que se adxudicou este martes.
Serviocio, segundo explicou o responsable municipal de contratación, Raimundo González, presentou a mellor oferta "en todos os aspectos". Impúxose á outra empresa que continuaba en concurso, Civis Global, que opera baixo a marca Máis que auga.
Así, reducirá un 2,5% o prezo dos abonos, que serán gratuítos para os usuarios dos servizos sociais. Ademais, renuncia ao millón de euros que estaba disposto a achegar o Concello para a reforma integral das instalacións, pagará un canon anual de 60.000 euros e ampliarase o horario de 6.45 a 23.30 horas.
A empresa investirá 4,6 millóns de euros na reforma das instalacións deportivas que, segundo destacou o edil do BNG, "na práctica serán totalmente novas". Aumentarase a superficie actual ata os 4.335 metros cadrados e renovaranse todos os equipamentos, cun investimento adicional doutros 400.000 euros en material deportivo.
O proxecto inclúe a reforma das pistas deportivas exteriores, situadas na cuberta das instalacións, mellorarase a eficiencia enerxética de todo o complexo e reordenaranse todos os espazos, unha medida que incluirá a eliminación das pistas de squash e o aumento " substancial" no número de salas.
Os clubs deportivos que empregan a piscina para os seus adestramentos tamén poderán usala durante máis horas. O actual contrato reservaba para eles un mínimo de 60 módulos horarios á semana que, coa nova concesión pasarán a 212.
Serviocio tamén está obrigada a manter todos os contratos actuais, máis de 50, dos cales case 30 son a xornada completa. A empresa, en función das súas necesidades, podería ampliar o número de traballadores ou as condicións dos empregados a tempo parcial.
O Concello espera asinar o novo contrato no prazo dun mes. No momento no que se rubrique o acordo, Serviocio terá un prazo de 40 días para presentar o proxecto definitivo das obras de reforma integral aos servizos técnicos municipais que, á súa vez, terán que estudalo en 25 días.
Terá que executalas en seis meses aínda que, para afectar o mínimo posible aos usuarios, estudarase a posibilidade de atrasalas ata o verán que vén. Tamén se analizará se se pode compaxinar as obras coa actividade diaria das instalacións.
Relacionadas:
-
As piscinas de Campolongo pecharán o "menor tempo posible" para a súa reforma
Por Alejandro Espiño |
-
O novo contrato das piscinas de Campolongo, sen trabas administrativas
Por Alejandro Espiño |
-
Os procesos administrativos provocarán que a reforma das piscinas de Campolongo agarde a 2019
Por Anxo Lourido |
-
Recorren as adxudicacións do servizo da auga e das piscinas de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Serviocio ou Civis Global, unha das dúas xestionará as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello recoñece que haberá unha prórroga "moi pequena" nas piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
Marea propón a creación dun consorcio que regule o deporte da cidade
Por Redacción |
-
Seis empresas, interesadas en reformar e xestionar as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |