A Xunta dá un novo paso para mellorar a estrada entre Covelo e o Miradoiro da Granxa en Poio, foco de accidentes
Por Redacción
A Xunta dispuxo a través dun decreto publicado este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a urxente ocupación de de bens afectados pola execución da mellora de seguridade viaria na estrada entre Pontevedra e A Lanzada, a PO-308, ao seu paso entre o acceso ao peirao de Covelo e o Miradoiro da Granxa, entre os municipios de Poio e Sanxenxo.
Desde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda achegaranse máis de 1,5 millóns de euros para executar a obra, unha cifra á que hai que sumar o presupesto das expropiacións de 83 terreos necesarios para abordar a mellora deste tramo pertencente á estrada autonómica. As expropiacións aproxímanse aos 300.000 euros.
O goberno autonómico recoñece que este tramo se un foco de concentración de accidentes e a idea é eliminar o seu actual deseño. Desta forma, está previsto mellorar as interseccións nas que se rexistran eses accidentes. Executarase unha semiglorieta no acceso ao peirao de Covelo e unha glorieta na intersección coa PO-303 en Samieira, que permitirá acougar o tráfico e a realización de xiros en mellores condicións que as actuais. Nese tramo existe un cambio de rasante que dificulta a visibilidade dos condutores.
Tamén se proxecta a construción dun carril central na intersección co Camiño Salgueiral e o acceso á praia de Laño, ademais da construción dunha segunda glorieta para acceder ao porto de Raxó, que contará cun novo acceso e eliminarase o actual.
Estableceranse cuñas de aceleración e desaceleración, que permitan a incorporación e a saída nesta estrada, ademais da creación de pequenos tramos de sendas.
A Xunta xa adxudicou, o pasado 5 de xullo, a obra de elaboración dun itinerario peonil e ciclista na PO-308, entre Covelo e Raxó. Neste caso, o investimento ascende a 1,6 millóns de euros. Ambos os traballos estarán coordinados, segundo informan desde o goberno autonómico.