Tres persoas resultan feridas nunha colisión múltiple preto de Lapamán
Por Redacción
Tres turismos chocaban este domingo ao redor das 17.30 horas no municipio de Marín, nas proximidades á praia de Lapamán. Un particular alertaba ao Servizo de Emerxencias do 112 Galicia da colisión múltiple que se producía na PO-551, á altura do Mesón Arrieiro.
O impacto provocou que os coches obstaculizasen a vía de circulación complicando o tráfico de vehículos. Ata o lugar desprazábanse tres ambulancias con persoal sanitario e a Garda Civil de Tráfico. Ademais informouse da situación aos Bombeiros do Morrazo e aos efectivos de Protección Civil de Marín.
Na colisión tres persoas resultaron feridas de diversa consideración e foron trasladadas polo persoal das 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Domínguez de Pontevedra para efectuarlles unha exploración.