Aberto o proceso de preinscrición para matricularse na Escola de Cantería de Poio
Por Redacción
Xa está aberto o prazo para preinscribirse na Escola de Cantería, que depende da Deputación Provincial de Pontevedra, para acceder a estes estudos de cantería. O prazo permanecerá aberto ata o 14 de setembro. Só é necesario cubrir un formulario que se atopa na web da escola. Posteriormente, para formalizar a matrícula será imprescindible achegar a documentación necesaria. Ese período será do 17 ao 26 de setembro.
Poderán cursar estes estudos aquelas persoas que conten co título de graduado escolar ou equivalente. Son tres anos de formación teórica e, sobre todo, de aprendizaxe práctica. Ofrécense 25 prazas para cada curso. As saídas profesionais céntranse no sector da construción, a restauración e a escultura.
Tamén permanece aberto o prazo para apuntarse aos estudos de mestre canteiro. Son dous anos de formación para aquelas persoas que dispoñan xa do título de canteiro básico. Ao mesmo tempo, os interesados poderán preinscribirse nos estudos de formación específica da Escola para as persoas profesionais ou artesáns que queiran mellorar a súa técnica.
Os traballos que se desenvolven nesta escola situada na zona da Caeira no municipio de Poio céntranse en construcións arquitectónicas tanto autonómicas como do estranxeiro con elaboración de cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos ou bustos.
Antigos estudantes deste centro traballan na restauración do Capitolio de Washington ou no barrio de Chiado de Lisboa, así como na rehabilitación da Catedral de Santiago, da Sagrada Familia de Barcelona e de Westminster en Londres.
Relacionadas:
-
A Deputación promocionará a formación impartida na Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Escola de Canteiros esixe a Educación a homologación dos títulos dos seus alumnos
Por David Arana & Paula Sanmartín |
-
A Fonte da Praza de Arriba será restaurada pola Escola de Cantería
Por Redacción |
-
Os traballos dos alumnos da Escola de Cantería chegan aos xardíns da Deputación
Por Mónica Patxot |