Esta semana comeza o pintado da sinalización horizontal na calzada das rúas de Pontevedra
Por Redacción
A empresa API Mobilidade S.L. será a encargada de abordar o pintado da sinalización horizontal en toda a cidade, a través duns traballos deseñados polo goberno local que comezarán esta semana de xullo e que se prolongarán ata setembro.
Esta adxudicación conta cun orzamento de 981.917 euros por un período de catro anos e céntrase, principalmente, en recuperar os sinais que en moitas zonas atópanse borradas polo uso das calzadas e polo paso do tempo sen tratamento.
Nesta ocasión aplicarase un tratamento especial ás rotondas, un punto no que se rexistra un maior desgaste polo cruzamento de numerosos vehículos. Utilizarase unha pintura especial con dobre compoñente na zona de xiro dos turismos para que perdure máis a pintura.
A proposta do goberno local é iniciar os traballos nas zonas preferentes como as contornas dos centros de ensino, as entradas ao centro urbano e os principais eixos de circulación da cidade, como é o caso de Beiramar. Os traballos executaranse en varias fases e atenderase ao calendario de festas.
O eixo principal da circulación da cidade pintarase antes da Semana Grande das Festas da Peregrina. Esta semana iniciaríase o pintado polas Corbaceiras, avenida do Uruguai, avenida de Buenos Aires ata Monte Porreiro, Xosé Malvar e Doce de novembro. Continuarán neste fase pola ponte da Barca, Paseo Colón, Reina Vitoria, Augusto García Sánchez e Eduardo Pondal. Tamén se establece como prioritaria a avenida da Coruña ata o cruzamento de Médico Ballina coa avenida de Compostela.
Monte Porreiro tamén se atopa na axenda das zonas nas que se abordará o pintado de maneira inminente, salvo naquelas vías nas que se executen as obras de soterramento da liña de alta tensión.
A idea do goberno local é intervir tamén antes do inicio do curso escolar en todas as contornas dos colexios do centro urbano. A previsión é que, en todo caso, as vías de circulación con sinalización horizontal finalicen os traballos de pintado nese mes de setembro.