Un motorista resulta ferido leve en Cuntis ao saír da vía
Por Redacción
Un mozo sufriu feridas leves despois de protagonizar unha saída de vía cando circulaba pola EP-8401 ao redor das 12.00 horas deste sábado.
Segundo a información facilitada por Protección Civil de Cuntis, o piloto circulaba en dirección a Santiago de Compostela e nunha das curvas da estrada viuse obrigado a manobrar para evitar o impacto cun camión que circulaba polo carril contrario.
A manobra foi tan brusca que provocou que o vehículo saíse da vía e o piloto terminou debaixo da moto. O mozo queixábase de dor na man e no ombreiro. Foi trasladado a un centro médico para realizarlle unha exploración e a motocicleta foi retirada por un guindastre.
Efectivos de Protección Civil de Cuntis foron os encargados de intervir neste accidente e non foi necesaria a presenza da Garda Civil de Tráfico.