A Axencia da Legalidade Urbanística insiste ante a Plataforma Salvemos Vilaboa en executar os derrubamentos das casas
Por Anxo Lourido
José Antonio Cerdeira, o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), reuníase este venres en Santiago de Compostela con representantes da Plataforma Salvemos Vilaboa, entre os que se atopaba o seu presidente Enrique López, que se mantén pendente de que se execute o derrubamento da súa propiedade, unha acción que leva á veciñanza a estar alerta para impedir a intervención das máquinas.
Cerdeira indicou que "a APLU adoptará todas as medidas ao seu alcance para restaurar a legalidade que considera que xa foi vulnerada" e velará polo cumprimento das súas resolucións e dos mandatos xudiciais.
O director deste organismo público que depende da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mostrouse molesto, segundo os integrantes da plataforma, porque acudiron á cita catro representantes veciñais e o alcalde socialista José Luis Poceiro.
Finalmente, Cerdeira aceptou reunirse aparte con Poceiro e no encontro cos veciños rexeitou a petición que lle transmitiron de agardar a que se aprobe o novo Plan de Ordenación (PXOM) de Vilaboa no que 30 das vivendas afectadas polas ordes de derrubamente quedarían legalizadas. Enrique López afirma que na súa sentenza de derrubamento non se establece prazo para a execución e, pola contra, o representante da Xunta entende que os expedientes deben seguir adiante e deben cumprirse.
Cerdeira insistiu en que a axencia non pode revisar ningún caso ata o momento en que o PXOM estea aprobado, sinalando que as posibilidades de legalización de cada vivienda se analizarán no momento en que entren en vigor as ferramentas urbanísticas que "aínda non son unha realidade".
Os afectados agardan que en menos de tres meses, o PXOM de Vilaboa sexa remitido polo goberno local á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. Un prazo que sería insuficiente para que Enrique López, sobre quen pesa unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenando o derrubamento, puidera salvar a súa casa se a APLU actúa con urxencia. "Son casas que levan 25 anos aí. Por que corre agora tanta presa?", pregúntase o presidente do colectivo de afectados.
Ante esta situación, os veciños seguirán facendo quendas para manter a garda e facer todo o posible para evitar que as máquinas enviadas pola Axencia executen o derrubamento. "A administración ten a obriga de cumprir a lei e seguirá adiante co proceso para executar o mandato da xustiza", indica Cerdeira, que lle lembrou ao propietario da vivenda de Riomaior que pode acometer a demolición do inmoble voluntariamente alegando que sería "unha solución que permitiría un notable aforro de custos e trámites administrativos".
Segundo a Xunta, dos 58 expedientes sobre os que pesa unha orde de derribo en Vilaboa, 30 son infraccións en solo rústico e os 28 restantes refírense á zona de servidume do dominio público, que se rexe pola normativa estatal de costas.
Os afectados tamén presentaron 3.300 sinaturas contra os derrubamentos previstos en Vilaboa ante a Valedora do Pobo.
Relacionadas:
-
Vilaboa saca adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal
Por Redacción |
-
Unha veciña de Vilaboa non irá a prisión se logra legalizar a súa casa ou demolela nun prazo de dous anos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística cita o afectado polo derrubamento en Vilaboa a unha reunión
Por Redacción |
-
O 'sinvivir' dos veciños de Vilaboa á espera da picaraña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cobres, dez días todos a unha para evitar a 'piqueta': "Tocamos o bombo e veñen todos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |