A nova sede municipal dos Ferreiros estará operativa a mediados de 2019
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal xa ten un plan trazado para as novas oficinas do Concello na rúa dos Ferreiros. Unha vez redactado o proxecto de acondicionamento, as obras comezarán no último trimestre do ano. O obxectivo, segundo avanzou o alcalde, é que poidan estar operativas a mediados de 2019.
Esta sede, que conta cun espazo de 1.300 metros cadrados repartidos en dúas plantas, acollerá aos 70 funcionarios que dependen dos servizos de xestión tributaria e urbanismo.
A distribución de espazos, acordada cos respectivos servizos municipais, determina que a planta baixa estea reservada para Tesourería e Recadación, Contratación Tributaria, Inspección e Impostos. Son, en total 600 metros cadrados para 30 traballadores.
Pola súa banda, na primeira planta -que ten 700 metros cadrados- estarán os 40 funcionarios de Urbanismo, Medio Ambiente e Patrimonio Histórico, Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa, a Oficina Técnica de Rehabilitación e a Oficina Técnica de Licenzas e Inspección.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou estar "moi satisfeito" cunha operación inmobiliaria que foi "excelente" desde o punto de vista económico, xa que sinalou que, sumado o custo do local e o posterior acondicionamento, supoñerá un investimento de 2,3 millóns de euros.
A este respecto, ante as críticas do Partido Popular ao seu custo, o alcalde lembrou que as oficinas que adquiriu a DXT en Campolongo, de tamaño similar a estas, custaron "catro veces máis" e o seu acondicionamento dobrará o investimento municipal. "Algúns deberían estar caladiños", sinalou.
Esta nova sede permitirá, engadiu o alcalde, unha "mellora substancial" na atención ao cidadán, xa que os servizos de xestión tributaria e urbanismo estarán na mesma oficina e coordinarase "mellor" o traballo entre os funcionarios.
Fernández Lores destacou que esta sede está nun sitio "céntrico", a 50 metros da Praza de España; contará coas últimas tecnoloxías en domótica e conectividade, e terá todo tipo de medidas ambientais para lograr o "máximo aforro enerxético", de forma que o consumo sexa un 45% menos que unha oficina normal.
Relacionadas:
-
O novo local municipal de Ferreiros estará en obras en febreiro
Por Alejandro Espiño |
-
A empresa que acondicione a sede municipal de Ferreiros terá cinco meses para facelo
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma do local de Ferreiros sairá a licitación antes do remate do ano
Por Redacción |
-
O acondicionamento das oficinas municipais de Ferreiros custará outro millón de euros máis
Por Oskar Viéitez |
-
Só queda entregar o talón para que o Concello adquira o novo local municipal
Por Redacción |
-
O espazo libre do Banco de España é para o PP "mejor opción" que o local dos Ferreiros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A compra do novo local do Concello é "inmediata"
Por Alejandro Espiño |