O verán tamén chega ás aulas da natureza de Cabo Udra e Agrelo
Por Redacción
O verán chegará a Bueu moi cargado de actividades en contacto coa natureza. Unha parte delas estarán vencelladas ás aulas medioambientais de Cabo Udra e Agrelo, que abrirán durante a tempada estival.
O Centro de Interpretación de Agrelo estará aberto do 6 de xullo ao 2 de setembro, concretamente os venres de 19 a 21 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 20 horas.
A Aula da Natureza de Cabo Udra estará aberta ata o 30 de setembro, os venres de 19 a 20 horas e os sábados, domingos e festivos, das 11 ás 20.30 horas. Ademais, nesta última xestionaranse excursións cos centros escolares e asociacións e rutas pola contorna todos os sábados.
A maiores, todos os sábados pola mañá organizaranse diversas camiñadas guiadas para coñecer a contorna, e que percorrerán o Sendeiro do Litoral, a Ruta dos Pazos, a Ruta dos Abades, a Ruta dos Muíños e a de Cabo Udra. Sobre as datas concretas destas rutas irase informando na páxina web municipal.
Tamén haberá rutas todos os mércores. A concellaría de deportes pon en marcha o programa de sendeirismo, que comezará o 11 de xullo e no que se coñecerán diferentes espazos bueueses como Meiro, Udra, Portomaior ou Igrexario.
As saídas serán todos os mércores de xullo e agosto dende a Praza Massó e a duración das camiñadas, de tres horas aproximadamente. Para participar non se precisa inscrición previa, aínda que se debe levar roupa e calzado cómodos e froita e bebida.