Marea Pontevedra presentarase ás municipais baixo o "paraugas" de En Marea
Marea Pontevedra converteuse na primeira marea urbana que oficializou o seu acordo para presentarse ás eleccións municipais de 2019 baixo o "paraugas instrumental" que ofrece En Marea, "pero sen tutelar a ninguén", explicou a súa viceportavoz, Ana Seijas.
Este pacto, que foi referendado polos líderes de ambas as formacións, Luís Rei e Luís Villares, supón reclamar que "isto non vai de delegacións locais dun partido tradicional, nin de mareas urbanas ou rurais, grandes ou pequenas", senón de "cooperar entre iguais" para lograr un cambio no concello, segundo a coordinadora de Marea Pontevedra, Peque González.
A pesar de que Marea se reivindica como o "referente" da unidade popular na capital da provincia, existen certas dúbidas de que os diferentes actores do espazo rupturista se presenten baixo a mesma candidatura. As dúbidas están, sobre todo, en Podemos.
Os inscritos da formación que encabeza Pablo Iglesias votaron non disolverse en Marea e, no seu lugar, establecer alianzas a modo de coalición e que o nome do partido figure nas papeletas coas que se presentarán ás municipais.
Esta opción é rexeitada polos membros de Marea Pontevedra, que reiteran que a "folla de ruta" desta formación "está marcada" e que non existe "ningún cambio" que xustifique "desviarse" do proxecto actual. Peque González avanzou que todo está en mans de Podemos, ao que insta a rexeitar unha "concentración parcelaria" na esquerda rupturista.
O ofrecemento de En Marea para actuar como "vehículo condutor" para os votos das candidaturas municipalistas está pensado, ademais, para aumentar o seu peso na futura corporación provincial que se configure na Deputación de Pontevedra.
Con respecto a Pontevedra, explicou Peque González, Marea é unha "referencia consolidada" e destacou que, para as próximas eleccións, "só haberá dúas alternativas": o goberno "conservador" liderado por Lores "ou a Pontevedra dinámica, aberta e transparente liderada por Luís Rei".
DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS
Pola súa banda, Luís Rei avanzou que un posible goberno de Marea Pontevedra estaría centrado na axenda de xustiza social e democrática, apostando polo saneamento integral da ría, transporte público, renda social, modelo de deporte, remunicipalizacións ou rexeneración democrática, entre outras cuestións.
O candidato de Marea sinalou que a solución aos problemas da cidade non virá dun goberno "anquilosado" nin do seu "eterno antagonista auxiliar", un Partido Popular "sumido na descomposición".
A ausencia de maiorías absolutas, avanza Rei, debe conducir a un goberno multicolor "que non pode estar presidido polo mesmo equipo que privatiza servizos, abandona ou rural ou utiliza de xeito caciquil a administración" e, a este respecto, defendeu que sexa Marea quen "abandere" o cambio que necesita Pontevedra.
Ademais, entende que Pontevedra debe camiñar, xunto cos outros concellos da ría, cara a un modelo "mancomunado" de servizos públicos fronte aos actuais "modelos localistas" e, por iso engade que Marea é a opción con "credibilidade" para as persoas que busquen "municipalismo, progreso social e participación real".
Relacionadas:
-
Marea deixa fóra das primarias ao futuro número 2 da lista que encabezará Luis Rei
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra afirma que chega o remate da "cadea perpetua" do ciclo do "Lorismo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As mareas de Sanxenxo, Ponte Caldelas e Cambados súmanse ao espazo de En Marea
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra elixe os órganos de dirección política
Por Redacción |
-
Mareas da ría 'brindan' polo rescate da auga e por mancomunar o servizo
Por Alejandro Espiño |
-
Luis Rei e Luis Villares ven a Marea Pontevedra encabezando un goberno de coalición en 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Luís Rei, primeiro 'alcaldable' confirmado para as eleccións municipais de 2019
Por Redacción |