Denuncian a falta de efectivos policiais nos xulgados
Por Redacción
O convenio de colaboración e coordinación en materia de seguridade nos edificios da administración de xustiza en Galicia asinábase entre o Ministerio de Interior e a Xunta de Galicia en 2006.
O sindicato Alternativas na Xustiza alerta, once anos despois de que se formalizara este acordo, que dos 65 efectivos contemplados neses documento para toda Galicia, só 31 dos postos están cubertos, menos da metade.
En Pontevedra capital estaban previstos oito axentes e hai tres vacantes, segundo este sindicato. En Marín, os dous postos previstos atópanse sen cubrir. E en Vilagarcía, de catro prazas, unha tamén está baleira.
A central sinala que no convenio se establecía que as prazas debían ser cubertas por funcionarios do Corpo Nacional de Policía ou pola Garda Civil. Por este motivo, Alternativas na Xustiza reclama unha solución a esta problemática sinalando que os xulgados de garda, que atenden asuntos de diversa índole, incluída a violencia de xénero e doméstica, non poden ser atendidos por efectivos policiais ante a falta de persoal.