O goberno provincial pide a abolición da prostitución
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asinou este xoves tres convenios de colaboración, por valor de 26.000 euros, con tres entidades para distintos proxectos que buscan a promoción da igualdade e a loita contra as violencias machistas na provincia.
Trátase da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), a Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución e a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo.
Carmela Silva quixo enxalzar que toda a provincia de Pontevedra debe coñecer o enorme traballo que realizan estes colectivos "xa que realizan un labor fundamental que ninguén máis fai, que o fan de xeito altruísta, a cambio de nada, por conviccións e por principios, e que sen elas as mulleres terían moita menos rede para loitar polos seus dereitos".
Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación asinou un convenio para a achega de 6.000 euros á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo para o desenvolvemento do programa "Camiño ao bo trato".
O convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), polo que a institución provincial achega 10.000 euros servirá para poñer en marcha ferramentas que permitan ás mulleres do rural ser emprendedoras e autosuficientes e seguir así apostando polo rural.
Carmela Silva, por último, tamén asinou un convenio coa Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución, no que a Deputación inviste 10.000 euros para que continúen co seu traballo coas mulleres que exercen a prostitución, con asesoramento, información, formación e busca de emprego. "Pero despois tamén fai un enorme traballo de sensibilización e formación ao conxunto da sociedade", engadiu Carmela Silva.
A presidenta lembrou que a Deputación de Pontevedra está pola "abolición da prostitución, hoxe en día que hai algúns debates que falan da legalización, pois nós estamos en contra, nós estamos pola abolición".
A presidenta da Asociación Faraxa, María del Carmen Lago, que traballa para abolir a prostitución, explicou que "por desgraza" o colectivo da prostitución "vai en aumento" e, ademais, nos últimos anos con máis mulleres españolas.
Lago destacou que desde a súa entidade, grazas ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, "podemos seguir mellorando na nosa loita", dando oportunidades a mulleres para que deixen a prostitución de lado "e regresen a unha vida libre".
Relacionadas:
-
Descualifican e ameazan a Carmela Silva tras pedir a abolición da prostitución
Por Oskar Viéitez |
-
Un proxecto de Fademur e a Deputación achegará ás escolas do rural a prevención das violencias machistas
Por Redacción |
-
"Fun vendida por 300 euros a un proxeneta español e convertida en mercadoría para o uso e goce dos homes"
Por Oskar Viéitez |
-
Os 40 anos de loita LGTBI fanse visibles no Pazo Provincial
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A Deputación, pioneira na introdución de cláusulas de responsabilidade social nos contratos públicos
Por Redacción |
-
Carmela Silva esixe un "cambio mental" na xudicatura e reformas no código penal
Por Oskar Viéitez |