A Policía Local de Poio refórzase con catro axentes auxiliares
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, deu este xoves a benvida aos catro auxiliares de Policía Local que traballarán no municipio ata o mes de outubro.
Os novos policías incorpóranse co propósito de reforzar ao plantel actual, composto por dez axentes e dous oficiais, con motivo das baixas vacacionais e ofrecer un bo servizo nesta época do ano na que aumenta a poboación ante a chegada de numerosos visitantes.
Os catro novos axentes, dúas mulleres e dous homes, proceden de localidades tan dispares como Sanxenxo, Ponte Caldelas, Moaña e Redondela. A este tipo de prazas adóitase presentar opositores á Policía Local ou mesmo a outro corpo de seguridade.
En Poio terán catro meses de contrato, coa posibilidade de prorrogalo un mes máis, e unha xornada laboral de mañá e tarde.
RADAR DXT
Durante a presentación destes novos axentes informouse que o radar da DXT está operativo en Poio durante as próximas semanas. Estes días xa se levaron a cabo controles de velocidade na zona de Encoirados, Antelo Mariño e Beiramar.