A defensa dun acusado por agresión sexual apela á sentenza de La Manada: "No hay agresión sexual si no hay violencia"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A polémica sentenza de La Manada foi empregada polo avogado da defensa de Oswaldo O.G., un veciño de Vigo que leva dous anos en prisión preventiva acusado polo Ministerio Fiscal de ter cometido os delitos de maltrato doméstico, agresión sexual continuada e lesións.
Nas conclusións tras a vista oral que remataba este xoves na sección cuarta da Audiencia Provincial, o letrado manifestou que, tal e como se recolle na sentenza da Audiencia de Navarra "si no hay prueba, no hay nada más", alegando que no caso denunciado pola que era parella de Oswaldo "hay muchas lagunas" no relato dos feitos.
Neste sentido, volveu incidir en que no fallo do caso de La Manada quedaba constancia de que "no hay agresión sexual si no hay violencia" para, a continuación, preguntarse se unhas lesións no nocello de intensidade moderada, "¿se puede decir que se hicieron con ánimo de incurrir en una agresión sexual?".
A defensa do acusado alegou que non se tiña producido unha violencia física nin psíquica porque a vítima non pedira socorro, porque non usou os teléfonos para pedir axuda nin berrara e porque, durante a hora en que estivo ausente o presunto agresor do domicilio onde se rexistraron os feitos, a muller só escondera os coitelos. "La están matando y ¿no grita?", preguntábase o avogado no seu alegato.
Ademais manten dúbidas sobre a procedencia da proba da "braga" de onde se obtiveron células que, segundos os informes periciais, contan con ADN que coincide, nun alto índice, coa composición xenética do acusado. Esta proba demostra, para a fiscalía e para a acusación particular, que a vítima foi penetrada analmente sen consentimento durante a noite do 25 de agosto de 2016 polo imputado.
O letrado de Oswaldo O.G. afirmou tamén que non están demostradas as agresións e que a vítima non sufriu un bloqueo mental xa que, baixo o seu punto de vista, non buscou unha solución porque entendeu que non había perigo.
Neste sentido, a defensa sostén que a vítima actuaba cun motivo espurio derivado da intención de romper a relación co acusado. Tamén sostivo que non se aprezan síntomas de estrés postraumático na vítima e que esta non asistíu a terapia, a pesar das recomendación feitas polos especialistas. Por este motivo entende que a pena debe quedar reducida só a dous anos de prisión por un delito de lesións en grado moderado.
Na súa declaración final, o imputado Oswaldo O.G. admitiu as lesións, entre saloucos, asegurando que foi un día moi confuso. Alegou que estaba enaxenado durante aqueela xornada e que incurrira no erro que cometen os covardes, "que es maltratar. Pido perdón por las lesiones a mi mujer, pero no hubo agresiones sexuales de ningún tipo".
Engadiu, ante a xuíza Nélida Cid, que non se consideraba un covarde e "mucho menos un violador" para concluír facendo referencia a que chegara a España procedente de Cuba fuxindo do comunismo "en busca de la libertad" e laiábase por levar dous anos preso por unhas lesións que "no pensé, en ningún momento, que fueran tan graves".
A FISCALÍA PIDE 17 ANOS DE PRISIÓN
A fiscal mantén a petición de 17 anos de prisión e só suprime nas súas conclusión a agravante de "parentesco" ao entender que é redundante coa de "xénero". Para a representante do Ministerio Fiscal queda acreditado que o 25 de agosto de 2016 arredor das 14.00 horas, Oswaldo O.G. iniciou unha disputa coa súa parella por ciumes en Pontevedra nas inmediacións do centro de traballo dela. Golpeouna e berroulle: "tú lo que quieres es ir a follar con tu jefe". Nesa mesma xornada, á noite, na vivenda familiar en Vigo, o acusado volveu a agredila causándolle diversas lesións.
Para a fiscal tamén queda acreditada a agresión sexual continuada, que nega o acusado . Baséase na declaración da vítima porque ten os elementos que solicita a xurisprudencia do Tribunal Supremo ao producirse na intimidade e sen testemuñas, manténdose no tempo.
O Ministerio Público sinala que a muller acudiu á comisaría, acompañada pola parella, para denunciar por "acoso sexual" ao seu xefe e que o axente da Policía ao ver "algo raro" decide levala aparte e é alí onde ela "se libera", véndose segura, e confesa que o agresor é Oswaldo.
"No hay una declaración impostada ya que mantiene los hechos", indicou a fiscal que lembrou que o acusado recoñece que actuou con "ira" e "disgusto". Ademais entende que a agresión sexual queda documentada coa proba pericial que demostra que as células atopadas explican o intento de coito anal nunha relación non consentida nun ambiente de violencia.
O Ministerio Fiscal solicitou a prórroga da prisión preventiva. A mesma petición realiza a acusación particular reclamando que, cando o acusado abandone a prisión, sexa vixiado telematicamente.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma nove anos de prisión para un home que agrediu sexualmente á súa parella tras acusala de infiel
Por Redacción |
-
Nove anos de prisión para un home que xustificou os malos tratos á súa parella porque perdeu o control
Por Natalia Puga |
-
"Yo caí en lo que se llama ser un cobarde, en maltratar a una mujer"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |