Desmantelan un almacén clandestino con 50 pezas de arte sacra e 154 animais protexidos naturalizados
Por Natalia Puga
Un total de 50 pezas de arte sacra entre as que se atopan un bispo, unha Santa Catalina e un Ecce Homo do século XVI; unha mamoa; un trisquel neolítico; e unha ampla lista de obras datadas entre os séculos XV e XIX e do período paleolítico; así como outros 154 exemplares de animais naturalizados de especies protexidas, moitas en grave perigo de extinción, entre elas, 11 cabeiros de marfil -algúns tallados- valorados en polo menos 100.000 euros, un leopardo das neves do Himalaya, un león, un tigre ou dous pescozos de xirafa.
Todos eses elementos, xunto a un lote de obxectos de interese paleológico e arqueolóxico e unha serie de armas prohibidas denominadas rompepiernas e 13 bayonetas, foron localizados nunha mesma propiedade de Salvaterra do Miño en propiedade dun home que xa foi detido por delitos contra a fauna e o patrimonio histórico e cultural, receptación, contrabando e tenencia ilícita de armas.
A detención -posteriormente quedou en liberdade por orde xudicial- e a intervención de todo o material son resultado dun complexo traballo realizado polo Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Pontevedra cuxos detalles se deron a coñecer este xoves na Comandancia.
O coronel xefe, Jorge González Veiga, e o tenente do Seprona, Álvaro Lago Lusquiños, deron conta da operación, que se bautizou como ' Hiposacro' e que supón un importante golpe á venda a través de Internet de arte sacra e ao tráfico ilegal de especies protexidas. Non puido calcularse aínda o valor de todo o material intervido, que aínda está a ser taxado, pero si facilitaron cifras que axudan a facerse unha idea do volume das operacións que puideron frustrarse. Tan só no ano 2011 o agora detido realizou operacións de compravenda por valor de 400.000 euros.
A operación comezou o pasado mes de maio. Axentes do Seprona tiveron coñecemento de que unha persoa tiña á venda a través de Internet unha pata de hipopótamo, unha tartaruga e unha arma avancarga. Ante as sospeitas de que puidese tratarse de especies protexidas segundo o Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestre, coñecido como Convenio CITES, púxose en marcha unha investigación que agora está a piques de pechase cun exitoso resultado.
Os investigadores pescudaron a identidade da persoa que as tiña á venda utilizando un nick e, coa escusa de realizar unha inspección administrativa, entraron na súa casa, un Pazo con varias construcións anexas en Salvaterra. Nun primeiro momento mostrouse colaborador, pero, cando se lle pediu a documentación que acreditase que esas pezas que vendía eran súas, non puido achegala e, ademais, negouse a que os axentes entrasen nas construcións anexas á súa vivenda.
Os axentes seguiron investigando, detectaron 407 anuncios na internet nos que ese mesmo usuarios poñía a venda obxectos de similar característica e, xa coa colaboración da Fiscalía e autorización do Xulgado de Instrución número 2 de Ponteareas, o pasado 27 de xuño realizaron unha inspección na súa propiedade que permitiu descubrir o completo arsenal clandestino e ilegal.
O propietario foi detido e constatouse que conta con antecedentes administrativos por contrabando dunha serpe a través do aeroporto de Santiago de Compostela. O home ten dobre nacionalidade española e francesa, fillo de pai francés e nai galega, pero naceu no país veciño e non se instalou en Galicia ata 2010, coa escusa de coidar á súa nai. Alí exercía de avogado, pero en Salvaterra non ten profesión coñecida e só púidose establecer que no ano 2007 xa tivo actividade de vendas a través de Internet.
Os investigadores sospeitan que se dedicaba á compra e venda de obxectos e especies prohibidas, moitas traídas Galicia desde o estranxeiro de forma irregular e outras derivadas de roubos, unha actividade que lle reportaba importantes beneficios. Coa súa detención, considérase desmantelado un dos máis importantes centros clandestino localizado na comunidade con esta actividade.
A operación non se deu por terminada porque aínda queda pendente establecer a orixe da maior parte das pezas localizadas na súa propiedade e tamén taxar a gran maioría. O Seprona conta coa colaboración de técnicos do servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia e o decano da facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), experto en arte sacra e tamén terán que intervir tasadores de Aduanas.