Empregados da funeraria San Marcos e técnicos dunha ambulancia salvan a vida a un transeúnte
Por Oskar Viéitez
Afeitos polo seu traballo para convivir a diario coa morte, os empregados dunha empresa funeraria de Pontevedra lograron evitar ese tránsito fatal a un transeúnte ao que salvaron a vida.
Sucedeu este martes 3 de xullo ao redor das sete e cuarto da tarde cando varios traballadores do funeraria San Marcos estaban a chegar ao tanatorio despois da realización dun servizo fúnebre. Foi entón cando viron como un home de avanzada idade esborrallaba na beirarrúa próxima ao cemiterio de San Amaro.
Rapidamente aparcaron as furgonetas e o coche fúnebre para atender o home que estaba tendido no chan. Puxérono en posición de seguridade introducíndolle os dedos na boca co fin de que non se tragase a lingua e iniciando as primeiras manobras de reanimación, segundo fontes da funeraria.
Aos poucos segundos puideron avisar a unha ambulancia que se dirixía camiño ao Hospital Montecelo para que lles axudase. Temíase pola vida deste home ao que o sanitario practicamente daba por falecido. Os técnicos da ambulancia, grazas á utilización dos desfibriladores, continuaron xa aplicando as técnicas da respiración cardiopulmonar logrando que o home recuperase a respiración espontánea e salvase a vida.
Grazas aos desfibriladores e á atención que lle ofreceron, púidose estabilizar o home e proceder ao seu traslado ao centro hospitalario Álvaro Cunqueiro nunha ambulancia medicalizada.
O transeúnte, de 76 anos, dirixíase ao tanatorio para dar o pésame á familia dun veciño falecido. Nestes momentos atópase "estable" ingresado no hospital vigués.