Rueda clausura o Obradoiro de Hostalería do Salnés
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda participou este mércores na clausura do Obradoiro de Hostalería do Salnés no que se formaron 20 desempregados e obtiveron un contrato laboral durante nove meses.
A especialidade deste programa, no que os participantes obtiveron un certificado de profesionalidade, é a cociña e servizos básicos de restaurante.
En toda Galicia puxéronse en marcha a través da convocatoria 2017/2018 un total de 83 obradoiros de emprego aos que a administración autonómica destinou 20 millóns de euros para beneficiar a 1.600 galegos sen emprego.
A Xunta investirá 29,6 millóns de euros na convocatoria deste ano na que, coma novidade, poderán concorrer non só os concellos (nos que terán prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades, senón tamén entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións.