PP e SAL aproban no pleno de Sanxenxo a "lexitimidade" de Telmo Martín
Por Oskar Viéitez
Tal e como estaba anunciado a suma dos votos do bipartito, Partido Popular e Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), aprobou a "lexitimidade" de Telmo Martín para continuar como alcalde da vila. O rexedor cualificou este pleno extraordinario solicitado pola oposición como "un circo para ter o seu día de gloria".
Os concelleiros do BNG, PSOE e a edila non adscrita Vanessa Rodríguez demandaran esta sesión plenaria "tras a condena do Tribunal Supremo á empresa da que foi socio e fundador, por aplicar sobreprezos nunha promoción de vivenda pública alterando os prezos taxados".
Un grupo de afectados acudiron á sesión plenaria con camisetas que denunciaban a "estafa de Navia". Tamén acudiu un grupo de veciños que increpou ao rexedor.
O portavoz do BNG, David Otero instou a Telmo Martín a "asumir responsabilidades" do mesmo xeito que fixo a portavoz do PSdeG-PSOE Coral González-Haba, apelando á "dignidade democrática dos veciños de Sanxenxo", engadindo a concelleira Vanessa Rodríguez como argumento que "a súa falta de ética quedou máis que demostrada".
Tal e como adiantara, o tenente de alcalde e portavoz de SAL, Gonzalo Pita, mostrou o seu apoio ao rexedor popular insistindo en que á oposición "o que lle interesa é crear ruído, inestabilidade".
O concelleiro non adscrito Roberto Agís abstívose na votación.
Finalmente Telmo Martín asegurou "ter a conciencia tranquila" e apuntou que na súa vida "cometín moitos erros, pero nunca con mala fe nin intención".