Preocupación en Marín pola sucidade e malos olores derivados do mal uso dos colectores de lixo
Por Redacción
O goberno local de Marín está a detectar problemas de sucidade e de malos cheiros no centro urbano debido á presenza de lixo nos contedores de residuos sólidos urbanos fóra das bolsas.
Por este motivo, desde o Concello remitiuse un documento con información da ordenanza municipal aos bares e establecementos de hostalería co obxectivo de que se realice un mellor uso dos depósitos de lixo.
No documento lémbrase aos cidadáns a obrigación de separar os residuos domésticos nos domicilios, industrias e comercios para despois depositalos nos contedores correspondentes, sempre en bolsas de plástico dificilmente desgarrables, pechadas e consistentes co fin de evitar que se dispersen ou se produzan vertidos na vía pública.
Establécese ademais que o horario para baixar o lixo sitúase entre as 20.00 e as 23.30 horas. E alértase de que queda expresamente prohibido depositar bolsas ou residuos soltos fóra dos contedores, depositar residuos sen separar en receptáculos distintos aos asignados, depositar residuos líquidos ou que poidan licuarse ou deixar os residuos nos contedores sen bolsa, no interior de caixas ou paquetes ou a granel.