O PP de Poio quere unhas Festas de San Xoán con artistas de renome, orquestras de primeira magnitude e batalla de flores
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Poio desvelou este mércores o seu "programa alternativo" para as festas patronais de San Xoán que poñerán en marcha no caso de gobernar no concello despois das próximas eleccións municipais.
Neste "labor construtivo" os concelleiros populares Ángel Moldes e Rocío Cochón explicaron que a súa pretensión é "recuperar as festas de sempre" e que todas as parroquias do concello participen nun "comité organizador" que implique a todos os colectivos "desde A Barca ata o límite con Sanxenxo, desde Campelo ata a Escusa", dixo Moldes.
Entre as novidades tamén anunciaron unha "carpa itinerante cun pequeno parque temático" con actividades para os máis pequenos que percorrerá todo o municipio con actividades e talleres nos que se divulguen as tradicións propias do San Xoán.
Tamén apostan por unha batalla de flores con carrozas e pola celebración dun día exclusivo para os nenos con prezos rebaixados en todas as atraccións.
Un dos aspectos nos que máis se insistiu por parte do Partido Popular foi na contratación de "orquestras de primeira magnitude", que distinguiu entre as que dan espectáculo e as que convidan a bailar, criticando que "este ano foi o que menos xente visitou o San Xoán", dixo Ángel Moldes.
Finalmente o PP tamén quere actuacións de "artistas de renome" xunto a concertos de bandas de música, polo que é consciente de que será necesario un "orzamento axeitado" que inclúa unha partida específica para esta programación.