O Cristo da Bica sométese a un "lifting" para perder as capas de pintura plástica
Por Anxo Lourido
Ao longo deste mes de xullo finalizarán os traballos de restauración do Cristo da Bica, a figura que forma parte do cruceiro situado no lugar do Rañadoiro, na parroquia de Ponte Sampaio. Trátase dun punto relixioso referencial para a poboación da contorna.
O paso do tempo e a falta de conservación provocaron que esta figura deteriorárase. Esta peza de pedra está datada no ano 1847 e as análises realizadas mostran que conta con 13 capas de policromía diferentes. As dúas últimas foron realizadas con pintura plástica, estragando as capas orixinais.
Este mércores, o concelleiro de Ponte Sampaio, Raimundo González, acudía a revisar os traballos que se realizan na tenda de restauración Madeco. Alí, a especialista Mercedes Cifuentes desenvolve un traballo de reparación das zonas danadas con xeso, eliminación da pintura plástica e protección da peza cun verniz especial.
A restauradora indicaba as diferentes policromías son un elemento documental que forma parte da vida da obra. E destacaba que o Cristo se atopaba danado na súa parte central que se vía máis afectada pola choiva e as inclemencias do tempo. Desta forma instaláronse liques e diferentes colonias que atacaron a peza.
Raimundo González afirmou que foi a veciñanza quen reclamou a reparación deste monumento co obxectivo de que estea en perfectas condicións nas festas previstas para o mes de setembro na parroquia. Explicou que se trata dunha das poucas pezas de pedra destas características que se atopa pintada. "É atípico", indicou.
O espazo onde está instalado o cruceiro xa foi recuperado. A talla atopábase nun camiño público, pegada a un muro particular que se atopaba en malas condicións cunha parede de ladrillo e formigón. O Concello levou a cabo unhas obras para que a peza escultórica destaque nese punto.