Os comerciantes de Ponte Caldelas reparten bolsas de tea
Por Redacción
Os comerciantes de Ponte Caldelas reparten bolsas reutilizables entre os seus clientes habituais. A campaña, impulsada pola asociación local, Coempo, afronta deste xeito a entrada en vigor do real decreto que obriga a cobrar polas bolsas de plástico dun só uso dende o pasado 1 de xullo e que obriga á súa retirada total no ano 2021.
A directiva de Coempo logrou o apoio da Deputación de Pontevedra a través dunha subvención dentro da convocatoria dirixida a entidades para a dinamización da lingua galega. Deste xeito puxo en marcha a campaña "Merca en Coempo, merca contento/a", lema que aparece grafado con tipografía inclusiva.
As bolsas, elaboradas en tea termoselada especialmente forte e resistente á choiva inclúen ademais a imaxe corporativa da Deputación Provincial. Finalmente, no marco da colaboración estable entre o Concello e Coempo, figura o lema municipal "Ponte Caldelas está de moda".
Os comerciantes caldeláns dispoñen dun total de 6.000 bolsas en cor vermella, azul e negra que xa se están a repartir entre os clientes habituais por tódolos establecementos asociados, co obxectivo de que se convertan nunha imaxe habitual nas rúas de Ponte Caldelas.