Laureano Oubiña asegura ao xuíz que Carmen Avendaño vulnerou a súa honra
Por Oskar Viéitez
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía acolleu o xuízo por inxurias contra a presidenta da Fundación Érguete, Carmen Avendaño, por mor da demanda interposta polo condenado por tráfico de haxix e branqueo Laureano Oubiña que lle reclama unha indemnización dun euro por danos e prexuízos e unha rectificación pública.
O cambadés entendía que Avendaño vulnerara a súa honra nunha entrevista radiofónica na Cadena Ser por acusarlle de traficar "con otro tipo de drogas", ademais de haxix.
Durante a vista oral, Oubiña retou a Carmen Avendaño a "que diga cuáles, que el tabaco no está recogido como droga", insistindo en que "tuve tres condenas por hachís, en 1997, 1998 y 1999, cumplidas íntegramente" pero que por contrabando ou tráfico de "tabaco" e "otras drogas" non foi condenado, aínda que "por blanqueo sí".
Neste mesmo ton, Laureano Oubiña criticou que a presidenta da Fundación Érguete chamoulle "asesino", xa que, "nadie ha muerto por hachís".
A nai coraxe sostivo que ela non mencionou "para nada ni heroína ni cocaína" e expresou o seu desexo de que "esto acabe ya" pois ten a impresión de que "está haciendo campaña del libro que dice que escribió, porque por lo que he oído las ventas son bastante bajas", incidiu.
Na súa declaración, Avendaño lamentou que cada vez que fala Oubiña faga "apología del hachís" tachándoo de "bocazas" e asegurando que as súas palabras ofenden a moitas familias "que se sienten muy agredidas" polo que ela "como portavoz le replico. No habló por mí, sino por las familias afectadas".
A fiscal solicita que non se atenda a demanda debido a que a liberdade de expresión "debe primar en un país libre sobre el derecho al honor de un personaje público y condenado por sus actos".
Oubiña foi apupado por un grupo de traballadores e socios da Fundación Érguete que acudiron ata os xulgados do Cavadelo nun autobús e coches particulares.
Ao saír dos xulgados Laureano Oubiña dixo sentirse "excitado, voy ahora para junto mi pareja, ya".
Relacionadas:
-
"A súa honra póñena en perigo os seus propios actos", a resposta de 'Fariña' á demanda de Oubiña por "ridiculizalo"
Por Natalia Puga |
-
Laureano Oubiña: "no compensa estar en la cárcel ni un solo día"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Desestiman a demanda de Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño
Por Redacción |
-
A "nai coraxe" dá a cara, o narcotraficante non
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Laureano Oubiña reclama 150.000 euros a Carmen Avendaño por unhas supostas inxurias
Por Redacción |