O Supremo concede 16 semanas de maternidade a un xuíz pontevedrés
Por Oskar Viéitez
A sala do contencioso-administrativo do Tiribunal Supremo recoñeceu o dereito dun xuíz para gozar dun permiso de maternidade de 16 semanas polo nacemento da súa filla, ao considerar que o pago único por parto/lactancia que recibiu a nai, que é avogada por conta propia, non é equiparable a un pago por prestacións, e que, ademais, non lle permitiu suspender a súa actividade profesional.
O xuíz é o pontevedrés Xermán Varela Castejón, de 42 anos e titular do xulgado de instrución 2 de Pontevedra con 15 anos na carreira xudicial e portavoz da asociación Xuíces para a Democracia en Galicia.
O tribunal estima o recurso interposto polo maxistrado contra o acordo da comisión permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial, do 29 de decembro de 2016, que concedeu ao maxistrado un permiso de 10 semanas, non de 16, por entender que a nai si tiña dereito a prestacións de acordo coas normas que regulan a súa actividade profesional.
Previamente, o presidente do Tribunal Superior de Galicia denegoulle unha licenza por maternidade por ausencia de previsión legal e regulamentaria que amparase tal dereito.
Non conforme co permiso de 10 semanas, o maxistrado presentou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Supremo que lle dá a razón nesta sentenza na que sinala que a interpretación que o CGPJ deu á normativa aplicable non se debeu deter na simple concesión do permiso de 10 semanas, senón que debeu conceder as 16 semanas solicitadas polo recorrente.
A sentenza, con relatorio do maxistrado Jorge Rodríguez-Zapata, explica que a nai da nena non ten dereito a prestacións e que o pago único que recibiu da Mutualidade Xeral da Avogacía non lle permitiu "suspender a súa actividade profesional" nin iniciar período de descanso algún polo que nada se opón a que o pai goce o permiso íntegro en beneficio da menor, que naceu en 2016.