Os veciños coñecen os anteproxectos das sendas de Dorrón e Fabaíños

Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo mantivo dúas reunións, a primeira delas en Dorrón e a segunda en Adina para presentar á veciñanza o anteproxecto das sendas de Dorrón e Fabaiños.
En Dorrón, case un centenar de veciños achegáronse ata a Casa de Cultura para coñecer o anteproxecto dunha ruta de sendeirismo de 4.560 metros que percorrería as inmediacións do río de Dorrón, desde a praia de Areas ata o Muíño de Xian. A ruta comezaría na parroquia de Bordóns e terminaría na de Dorrón.
Os veciños xa xestionaron a cesión dos terreos para poder facer deste anteproxecto unha realidade. A execución do proxecto estaría dividida en tres tipos de actuacións: lineais,
- Actuacións lineais: sobre espazos que serán rozados, movementos de terras e obras nos firmes.
- Actuacións puntuais: con construcións de muros de mampostería, colocación de pasales de pedra e de varanda de madeira.
- Sinalización: tanto a propia dunha senda fluvial, como sobre as estradas e a protección dos peóns.
O orzamento aproximado para a licitación desta obra sería de 380.000 euros.
FABAIÑOS
Para a ruta do Río Fabaiños, a comisión formada por cinco veciños das asociacións veciñais de Arra, Noalla e Adina, continúan traballando na localización dos aproximadamente 100 propietarios dos terreos afectados polo trazado da senda e das negociacións para lograr as cesións necesarias.
Neste caso trátase dunha ruta de sendeirismo de 4.655 metros, que percorrerá as inmediacións da canle, desde a contorna do mercado de abastos de Portonovo, ata o cruceiro de Monte Faro.
O orzamento aproximado para a licitación desta obra sería de 350.000 euros.
Con estas rutas preténdese aproveitar as oportunidades que brinda a zona rural de Sanxenxo, potenciándoas como recurso turístico e alternativas de ecoturismo cada vez máis demandadas, danto un valor engadido á paisaxe da zona.
Estas actuacións están encamiñadas ao fomento e promoción do turismo nas parroquias de interior, potenciando o desenvolvemento das actuacións de diversificación de actividades vinculadas ao turismo rural, e á posta en valor do noso patrimonio.
Estas sendas poderían estar incluídas na Rede de Sendeiros de Pequeno Percorrido de Galicia, para o que, unha vez executadas será necesario solicitar a homologación das mesmas pola Federación Galega de Montañismo.
Relacionadas:
-
Medio Ambiente apoirá a construción dunha senda no Río Dorrón
Por Redacción |
-
Os proxectos das rutas dos ríos Fabaíños e Dorrón ascenden a 780.000 euros
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan as cesións para as sendas de Dorrón e Fabaiños
Por Oskar Viéitez |
-
Remata a instalación da escaleira que conecta a estrada provincial de Dorrón coa zona do Outeiro
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere crear 15 quilómetros de novas sendas costeiras entre as rías de Pontevedra e Arousa
Por Redacción |