SAL rexeita a petición de dimisión do alcalde Telmo Martín
Por Oskar Viéitez
A formación política Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) rexeita a petición de dimisión do alcalde Telmo Martín solicitada polos concelleiros do BNG, PSOE e a edil non adscrita Vanessa Rodríguez, aos que piden "que sexan máis responsables se procuran o mellor para Sanxenxo".
A decisión adoptouse este luns nunha reunión cos seus afiliados na súa nova sede, na que se chegaron a "conclusións moi claras e por unanimidade".
Segundo informou o portavoz de SAL, Gonzalo Pita, todos coincidiron en que a "verdadeira intención" desta iniciativa "non é precisamente a de mirar pola estabilidade que Sanxenxo necesita para seguir avanzando", senón que, ao seu xuízo, a "única intención" que ten a convocatoria dun pleno extraordinario "é demasiado clara, a de volver crear conflito e tratar de desestabilizar un goberno que funciona".
Gonzalo Pita sinalou que "SAL só tenderá a man a quen presente iniciativas polo traballo e polo interese xeral, nunca para intereses partidistas".
O pacto de goberno asinado polo Partido Popular e SAL incluía unha "cláusula anti-corrupción" que, segundo matiza, "o que nos ocupa non é o caso" xa que Telmo Martín "nunca foi condenado, procesado ou interrogado nun procedemento penal, senón que a sentenza impón unha sanción administrativa á empresa, e en ningún caso produciuse un procedemento penal por ningún delito".
Finalmente, subliña que o procedemento penal arquivouse ata en dúas ocasións por falta de indicios polo que conclúe que "a responsabilidade política de Telmo Martín neste caso, de existir, debe decidirse única e exclusivamente no ámbito do seu propio partido".
Relacionadas:
-
PP e SAL aproban no pleno de Sanxenxo a "lexitimidade" de Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín asegura que "nunca" estivo imputado e acusa á oposición de difamalo
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición solicitará un pleno extraordinario para pedir a dimisión de Telmo Martín
Por Redacción |
-
En Marea e BNG esixen a dimisión ou cese inmediato do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |