"Ocio vedado" para as persoas con discapacidade
Por Oskar Viéitez
"Mulleres con capacidades e máis", é un grupo pertencente á asociación Amizade que xurdiu para denunciar a "dobre discriminación" que sufre a muller con discapacidade.
Baixo o lema "Ocio vedado" este colectivo organizou o pasado venres unha saída nocturna polos pubs de Pontevedra que tiña por obxectivo "visibilizar e concienciar" sobre as necesidades específicas das mulleres con discapacidade e reclamar accesibilidade nos locais de ocio nocturno. Para conseguilo, levaron as súas propias ramplas portátiles.
"Esta acción non constitúe tanto unha queixa, senón máis ben un reclamo para fomentar a reflexión de quen ten na súa man facer da integración unha realidade", explicaron as promotoras desta iniciativa.
Con estas pretensións comezaron a aventura cara as dez ceando algo na terraza dun "kebab" no que había espazo suficiente. Ao rematar de cear, dispuxéronse a pagar, para o que tiveron que estrear as ramplas posto que había un chanzo para entrar de 15 centímetros.
"Ante isto, os donos dixéronnos: por que non lle pagades un de vós?", sinalan desde o colectivo, ao que responderon que precisamente iso querían evitar, xa que "toda persoa debería ter dereito a xestionar os seus cartos sen depender de ninguén que lle teña que ir pagar polo feito de non poder entrar nun establecemento".
Tras este inicio concienciador continuaron a andaina percorrendo varios pubs e en catro deles tiveron que empregar as ramplas para poder entrar. Algún deles contaba cun baño adaptado "pero a entrada ao local ou ao cuarto de baño non o está" e noutro deles o baño adaptado estaba cheo de aparellos e outros utensilios que lles tiveron que retirar para poder usalo. "E os demais carecían de baño adaptado, polo que algunha tivo que facer filigranas", denuncian.
A súa conclusión despois de vivir esta xornada é que "os propietarios dos locais deben de pensar que ás persoas con discapacidade, mulleres e homes por igual, non nos gusta saír de noite a estar con amigos e a gozar da música e do ambiente".
"Deben saber que se non o facemos a miúdo é precisamente por todas estas barreiras mentais, por parte da sociedade en xeral, e físicas por parte de quen constrúe ás contornas sen pensar en todos os membros que forman a sociedade", explican as impulsoras desta iniciativa.
As próximas accións serán reclamar accesibilidade e igualdade para asistencia aos espectáculos de cine, teatrais, musicais, medios de transporte adaptados, e en xeral, a todos os recursos e servizos que non son privados.
Relacionadas:
-
Amizade convida a participar no seu grupo de apoio 'Mulleres Diversas'
Por Redacción |
-
Mulleres con discapacidade reclaman que se adapte o servizo de xinecoloxía do Complexo Hospitalario
Por Anxo Lourido |
-
As oficinas de Consumo abrirán en decembro na sede da Xunta en Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Reteñen media hora un autobús de Alsa por imposibilitar a viaxe dun mozo que emprega cadeira de rodas
Por Anxo Lourido |
-
O deporte, ferramenta poderosa para favorecer a inclusión de persoas con discapacidade
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Acción de "guerrilla" de Amizade contra os que aparcan "sobre os nosos dereitos"
Por Redacción |
-
Tres unidades de handbike para mellorar a mobilidade
Por Gabriela Varela Asorey |
-
Charla de Amizade no instituto Sánchez Cantón
Por Redacción |
-
Denuncian a falta de accesibilidade do edificio de Consumo e de Tráfico en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |