O Burgo terá un novo centro social dentro de oito meses
Por Alejandro Espiño
A empresa Gómez Crespo Obras y Servicios será quen execute as obras de acondicionamento do novo centro social do Burgo, situado no estado de fútbol de Pasarón.
Fará estes traballos por un prezo de 529.254 euros e prometeu un prazo de execución de oito meses, segundo avanzou este luns o Concello de Pontevedra.
O proxecto estará financiado pola Deputación de Pontevedra con cargo ao convenio asinado recentemente entre as dúas institucións, e enmarcado dentro do protocolo asinado a principio deste mandato.
A obra consistirá na creación dun centro social accesible e intelixente dende un punto de vista social, económico e enerxético, totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón cunha nova e específica entrada para o local social.
O futuro centro social de O Burgo ocupa 1.087 metros. No soto estarán almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o Pontevedra CF. O primeiro andar disporá dun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, unha aula social de 62,40 metros e un salón multiusos de 97,05 metros, entre outras dependencias.
Estes espazos estarán destinados a actividades, cursos ou obradoiros, polo que se inclúe unha cociña-aula solicitada pola asociación de veciños.
CURSOS DE FORMACIÓN
A Xunta de Goberno adxudicou tamén este luns á empresa Forga a organización dos primeiros cursos do plan municipal de formación laboral. Recibirá 34.900 euros e os cursos terán que estar impartidos a 30 de novembro deste ano.
Serán catro cursos os que impartirá esta empresa: dous de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institución sociais e dous de actividades auxiliares de almacén. Cada un deles estará destinados a quince alumnos que, durante esta formación, recibirán 15 euros ao día, o que suporá entre 330 e 350 euros ao mes.
Relacionadas:
-
O novo local social do Burgo entrará en funcionamento "antes do final de verán"
Por Diego Espiño |
-
O estadio de Pasarón adáptase para acoller o Centro Social do Burgo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O luns comezan os traballos de construción do novo local social do Burgo en Pasarón
Por Redacción |
-
O centro social do Burgo afianza a "boa saúde" da relación entre Concello e Deputación
Por Alejandro Espiño |
-
Doce empresas optan a construción do futuro Local social do Burgo
Por Redacción |
-
O novo centro social do Burgo en Pasarón terá un orzamento de 639.000 euros
Por Redacción |