O Concello de Cuntis declara como ben de dominio público o Camiño da Misa
Por Oskar Viéitez
O pleno do Concello de Cuntis, celebrado este luns á primeira hora da mañá con carácter extraordinario, aprobou o expediente de investigación da titularidade do Camiño da misa, no lugar da Louriña.
Esta iniciativa saíu adiante cos votos favorables dos concelleiros do grupo socialista, Veciñanza, BNG e a abstención dos edís do Partido Popular.
O pleno da corporación acordou declarar como ben de dominio público, debido ao seu uso público, e proceder á súa inclusión no inventario municipal, xunto cos demais trámites que procedan de acordo co ordenamento xurídico, en concreto: o exercicio das potestades de deslinde e recuperación de oficio.
O Concello tamén fará a inscrición no Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis da titularidade deste ben inmoble no seu favor notificando esta resolución aos interesados con expresión dos recursos que lles asisten.
Os concelleiros de Veciñanza explicaron que desde hai varios anos este viario, "vén sendo ocupado de xeito ilegal" chegando mesmo a estar cortado parcialmente por unhas pedras de grandes dimensións ante a "pasividade e indiferenza" do goberno local.