Máis de 140 novos bolseiros chegan aos concellos e á Deputación
Por Redacción
O Plan de Práctica Laboral 2018 da Deputación de Pontevedra permitirá a partir deste luns 2 de xullo que máis de 140 mozos da provincia realicen prácticas laborais en distintos concellos e na propia institución provincial.
A Xunta de Goberno aprobou na súa reunión do pasado venres a adxudicación de prazas para esta iniciativa e as estadías laborais prolongaranse durante seis meses, prorrogables por outros seis máis, a partir deste mesmo luns.
Segundo os datos facilitados pola Deputación, algo máis de 100 estarán en 57 concellos da provincia e máis de 40 realizarán as súas estadías laborais nas distintas áreas da Deputación.
O obxectivo deste programa é que mozos da provincia con titulacións universitarias ou ciclos superiores de formación profesional accedan a estadías laborais en concellos de menos de 50.000 habitantes e na Deputación para así mellorar e acrecentar a súa experiencia laboral.
Este ano houbo unha suba de 40 euros nas contías que percibirán os bolseiros, de xeito que quedan en 840 euros para as persoas con titulación universitaria e 740 euros ao mes para as persoas de ciclos superiores de formación profesional.
Entres os bolseiros con titulación universitaria, os graos máis demandados foron Traballo Social, Dereito, Dirección e Xestión Pública, Relacións Laborais e Recursos Humanos e Educación Social. En canto aos ciclos superiores de Formación Profesional, os de máis beneficiarios son Administración e Finanzas e Xestión Forestal e do Medio Ambiente.
Ademais, outras catro mozas comezarán tamén este luns as súas estadías laborais nas oficinas de turismo de Cangas (2), Marín (1) e Moaña (1), a través das bolsas de práctica laboral para oficinas de Turismo Rías Baixas 2018, cuxa adxudicación vén de aprobar tamén a Deputación de Pontevedra en Xunta de Goberno.
Relacionadas:
-
Un xulgado de Pontevedra converte a 38 ex bolseiros da Deputación en persoal laboral
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación aproba as bases do novo programa de emprego que substitúe ao Plan de Práctica Laboral
Por Redacción |
-
CC.OO. anima os bolseiros da Deputación a demandar canto antes por irregularidades no contrato de prácticas
Por Anxo Lourido |
-
CCOO denuncia irregularidades na contratación de bolseiros na Deputación e Carmela Silva négao
Por Diego Espiño |
-
O PP denuncia o impacto para a mocidade de Pontevedra da paralización do Plan de Práctica Laboral da Deputación
Por Redacción |