Atención! Volven a nécora, o lumbrigante e o polbo das rías
Por Redacción
Coa chegada do mes de xullo tamén volven ás lonxas e mercados produtos do mar que levaban meses en veda. Desde este domingo día 1 ábrese a extracción da nécora e do lumbrigante e desde este lunes 2 de xullo comeza a campaña extractiva do polbo.
En canto á nécora e o lumbrigante, a extracción permanecerá autorizada ata o vindeiro 31 de decembro, día incluído, segundo deu a coñecer a Consellería do Mar.
No caso da nécora, as medidas de xestión para a súa explotación desenvólvense nun plan experimental para a xestión desta especie e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón. A vixencia deste plan é ata o 30 de xuño de 2019.
Nel establécese o número de nasas permitido segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a bordo. Ademais especifica que o horario de lance de nasa nécora e camarón será nocturno con excepcións na ría de Arousa e de Vigo, nas que o calamento tamén poderá ser diúrno. Unha vez cumprido o horario de traballo, deberán ser levadas a porto diariamente.
No que respecta á campaña extractiva do polbo, que terá en Bueu un dos seus portos máis importantes, prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2019, que se fixará polo correspondente plan que se publicará antes da seguinte veda.
A partir deste luns día 2 e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos/día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos/día.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 6.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00- e finalizará ás 16.00 horas. O descanso semanal desenvolverase dende as 16.00 horas do venres ata as 6.00 horas do luns. O número de nasas permitido está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.