A plataforma veciñal de Sanxenxo ve insuficiente o reforzo dunha ambulancia durante o verán
Por Redacción
A asociación Plataforma Veciñal Sanxenxo considera que é insuficiente o reforzo de servizos que realiza o Servizo Galego de Saúde para a zona do Salnés durante o verán á vista do incremento de poboación que se rexistra na comarca durante esta época do ano e solicita maior despregamento de medios.
O Sergas reforza a zona cunha ambulancia de soporte vital avanzado durante dous meses de verán, pero os veciños consideran que é necesario dotar a zona dunha ambulancia medicalizada 24 horas durante os 365 días do ano para que dea servizo a toda a comarca desde o Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar
Ademais, consideran que é preciso aumentar a dotación de persoal no centro de saúde de Baltar tanto no seu funcionamiento para atención primaria como en calidade de PAC nas temporadas de máxima afluencia turística.
As súas peticións tamén se refiren á atenciób para os nenos. Demandan a mellora e ampliación do horario de asistencia sanitaria cun pediatra en horario de tarde e/ou de urxencia.
A plataforma insiste en que está demostrado que O Salnés é unha área de alta intensidade demográfica e que as autoridades sanitarias non poden basarse en números para saber se é necesario ou non o reforzo, pois os servizos que non están dispoñibles non se poden contabilizar ao ser suplidos por medios propios.
Así, valoran que non só a ambulancia é insuficiente, senón que tamén o é o persoal que poñen a maiores.