Traballadores do Hospital "chívanse" á conselleira da mala xestión do xerente
Por Anxo Lourido
"Recortes torticeros", así denominan dende o sindicato SATSE á política que está desenvolvendo a xerencia de José Manuel González á fronte da área integrada Pontevedra-Salnés. Maite Joaquín, delegada do SATSE, cualifica de "muy déspota" a actitude do xerente co persoal dos centros. E así llo transmitiron á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, cando chegou ao Hospital Provincial.
Un pequeno grupo de traballadores, entre eles representantes de SATSE e de Traballadores Sanidade Pública, reclamou á conselleira uns minutos para expoñerlles as demandas que, sen éxito, veñen solicitando á xerencia. Unha vez que Rocío Mosquera xa se encontraba no corredor central do Hospital, indicou aos representantes que mantería con eles unha pequena charla ao final da visita á zona ampliada de Psiquiatría.
Así foi. Cando finalizaba la visita, a conselleira de Sanidade volveu ser abordada polo grupo de arredor de dez traballadores que denunciaron a mobilidade forzosa do persoal duns servizos a outros. Cándido Sartier indicoulle a Rocío Mosquera que non se están a substituír a enfermeiras nin a médicos que están de baixa ou de vacacións. Ademais, queixouse de que o persoal soporta moito traballo e non se recorre ás listas e dos numerosos traballadores aos que se lle facilitan quendas para poder ir a traballar á sanidade privada. A responsable da sanidade galega alegou que se vive un mal momento económico e que é necesario axustar os presupostos. Ante esta resposta, Carmen Revenga do sindicato Omega respondeu que a ministra Ana Mato investiu 484.000 euros en obras dentro do edificio ministerial preguntándose "¿cuántas mejoras sanitarias podrían pagarse con eso?". A conselleira respondeu ás peticións cun sorriso. "Hai que miralo todo con detalle porque temos que estruturar" sentenciou.
Entre outras reclamacións, os traballadores quéixanse de que están a impoñer libranzas en festivos e vulneran dereitos ao poñer todos os impedimentos posibles para conceder permisos e licenzas. Reclaman que dende a consellería se potencien os centros da Atención Primaria. O encontro rematou con outra acusación, Cándido Sartier lembráballe ao xerente que antes "cando viña un conselleiro, avisávase á xunta de persoal. Agora xa nin iso".
PECHE DE CAMAS
A federación de Saúde da CIG de Pontevedra tamén denuncia que aproximadamente o 20% das camas, é dicir 113, do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) estará fóra de servizo do 1 de xuño ao 31 de outubro. Pero a conselleira, cando foi preguntada, dixo que aínda está por determinar el número de camas que se pecharán e indicou que será "parecido ao dos últimos anos".
Na porta de saída do Hospital Provincial, a conselleira aínda se encontrou cunha queixa máis. Neste caso tratábase dunha folla na porta na que se denunciaban os cheiros na área de Raios: "En el servicio de RX huele a FECALES siempre. Aprovechan su vista porque aquí nadie resuelve nada desde hace 20 años".
Relacionadas:
-
Concentración de celadores ante a delegación de Sanidade
Por Redacción |
-
A conselleira de Sanidade pide ao goberno local que retire os recursos sobre o proxecto do novo Hospital
Por Anxo Lourido |
-
José Manuel González: "Este gerente no ha desempeñado ni está desempeñando ninguna actividad privada"
Por Oskar Viéitez |