A praia da Calzada xa presume de bandeira azul e de zona verde para tomar o sol
Por Redacción
A praia da Calzada de Ponte Caldelas luce desde este sábado a bandeira azul que a recoñece como único areal fluvial de toda España co distintivo de calidade que outorga anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
O alcalde, Andrés Díaz; o concelleiro José Manuel Martínez; e os socorristas que prestarán servizo na praia fluvial este verán izaron a bandeira este sábado e anunciaron que ondeará ata mediados de setembro.
Ponte Caldelas renunciou á bandeira azul de forma voluntaria a mediados da temporada do pasado ano por mor das dificultades na contratación dos tres socorristas necesarios. Este ano garanten que si que van ter ese servizo e destacan que a concesión do emblema é un premio á "honestidade institucional" do verán pasado.
O alcalde destacou que a esixencia de socorristas é unha garantía absoluta para a seguridade dunha praia que non ten rexistrado nin un só incidente grave e lembrou que este ano teñen cubertas todas as prazas necesarias destes profesionais para toda a tempada grazas á substancial mellora nas condicións dos contratos, que pasaron a ser de tres meses, en lugar dos dous habituais.
Ademais, o salario quedou equiparado ao convenio de instalacións deportivas e ximnasios de Galicia, unhas retribucións superiores ao habitual.
Ponte Caldelas tamén estrea este ano unha superficie de herba para tomar o sol ou gozar do aire libre ao lado do kiosko da praia fluvial, cunha superficie equivalente a dous campos de fútbol.