O colexio de Carballedo conta con novo acceso e aparcadoiro de buses
Por Redacción
Despois de dous meses de traballos, o colexio público de Carballedo no municipio de Cerdedo-Cotobade conta cun novo acceso e un espazo de aparcadoiro para autobuses de transporte escolar. A obra enmárcase no Plan de Investimentos 2018 e contou cun investimento de case 60.000 euros.
O presidente municipal, Jorge Cubela, visitaba as instalacións ás que só resta a realización dun pequeno acceso cara á porta do recinto estudantil. O proxecto realizouse co desmonte da zona para crear este espazo para o aparcadoiro. Instalouse un sistema de evacuación de pluviais e a mellora do firme, que antes era de terra.
Esta obra, segundo manifestou Jorge Cubela, incrementa a seguridade viaria nunha zona na que transitan escolares. Ademais favorécese o estacionamento e a parada, para facilitar o acceso dos autobuses de transporte infantil e dos vehículos particulares.
Esta obra foi a primeira licitada polo goberno local durante o actual exercicio, no mes de xaneiro e acometeuse durante as semanas pasadas aproveitando o cesamento das fortes choivas dos últimos meses, segundo informa o goberno de Cubela.