Agardan que a ocupación hoteleira media para este verán nas Rías Baixas supere o 80%
Por Oskar Viéitez
A falta das reservas de última hora e as que se fagan a través de internet, "que seguramente van incrementar a porcentaxe", a previsión de ocupación hoteleira media para este verán na provincia de Pontevedra que manexa Turismo Rías Baixas "superará o 80%", segundo adiantou este venres a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
A esta "ocupación extraordinaria" sumou a previsión do Clúster de Turismo de Galicia que manexa unha estimación para toda a comunidade do 60% aínda que no caso das Rías Baixas a ocupación durante o verán estaría situada entre o 80 e o 90%, coincidente coa que espera a administración provincial.
Carmela Silva tamén citou as previsións do portal de reservas Booking que "fala xa nestes momentos dunha porcentaxe de reservas dun 87% para xullo" e un 81% para agosto, o que supera as estimacións que manexaba nesta mesma época o ano pasado.
"Ademais moitos establecementos de Rías Baixas confirmáronnos que teñen ata o cento por cento das prazas xa totalmente cubertas para xullo e agosto", engadiu Carmela Silva que dixo estar "segura de que imos incrementar os resultados definitivos do verán do 2017".
A presidenta provincial tamén citou os datos que manexa a Federación de Hostalería de Pontevedra (Feprohos) que prognostica que a ocupación media será un 3% superior á alcanzada en 2017.
POR COMARCAS
Por comarcas O Salnés espera unha ocupación en xullo e agosto do 77,5%, Pontevedra 75%, O Morrazo 85%, Caldas 85,5%, Vigo 89,5%, Baixo Miño 91%, O Condado-A Paradanta 84% e Deza-Tabeirós-Terra de Montes 61,5%. Tamén esperan que no mes de setembro a ocupación sexa superior á obtida o ano pasado. A día de hoxe, a dous meses vista, espérase un 66%.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, celebrou que os datos previstos para o sector do turismo rural tamén sexan positivos cunha ocupación para xullo e agosto do 69%.
"A provincia de Pontevedra sitúase á cabeza de Galicia tamén no negocio do turismo rural", resaltou Silva, respecto dos 168 establecementos dados de alta que suman 200 prazas "liderando os ránkings de incremento da demanda" cun aumento do 17% tanto en duración de estancia media como en crecemento do nivel de ocupación.
En canto aos cámpings este sector alcanzou unha ocupación en xuño do 40% e a previsión de ocupación para estes establecementos na provincia son do 76,7% para xullo e do 86,7% en agosto.
VIVENDAS TURÍSTICAS
Por primeira vez, Turismo Rías Baixas ofreceu datos de ocupación de vivendas turísticas a nivel provincial que en xuño se situou no 70%, "e prevén para o verán por encima do 75%".
DATOS DE XUÑO
Aínda que aínda non están pechados, a presidenta da Deputación de Pontevedra ofreceu os datos correspondentes á ocupación media na provincia no mes de xuño que foi do 68%.
Por comarcas O Salnés tivo unha ocupación do 50%, Pontevedra 85%, O Morrazo 50%, Caldas 81%, Vigo 70%, Baixo Miño 68%, O Condado-A Paradanta 65% e Deza Terra de Montes 73%.
Neste mes rexistrouse unha elevada ocupación nas cidades de Vigo e Pontevedra debido ao turismo de congresos. Na cidade olívica acolleu en xuño máis dunha ducia de citas profesionais que encheron os hoteis, e na capital as oposicións de educación e o tríatlon fixeron colgar o cartel de completo a algúns hoteis.
MAIO DE RECORD
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) o pasado mes de maio rexistrouse un récord de visitantes desde que hai rexistros.
Nas Rías Baixas no mes de maio estiveron 107.662 persoas das cales 72.509 procedían do Estado e o resto viñan do estranxeiro "o que representa unha subida dun 1,7% no caso dos nacionais e do 13,5% no caso dos estranxeiros", destacou Carmela Silva. Comparando estes datos cos rexistrados no mesmo mes de maio do ano 2008 "a subida do turismo estranxeiro nas Rías Baixas é do 50% nunha década", apuntou.
As Rías Baixas congregaron ao 30% dos viaxeiros que estiveron en Galicia en maio, son 380.000 persoas que "ratifican como a zona con maior éxito de Galicia".
No que vai de ano, entre xaneiro e maio, segundo o INE as Rías Baixas xa 379.208 visitantes dos cales 286.401 eran nacionais e 92.807 internacionais. Son preto de 3.000 visitantes máis que no mesmo período do ano anterior.
Relacionadas:
-
Sanxenxo rexistrou en agosto un 91% de ocupación
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo consegue unha alta ocupación en xullo pese ao freo do crecemento turístico
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación acelera a adaptación das empresas do sector turístico ás novas tecnoloxías da comunicación
Por Oskar Viéitez |
-
Fronte á baixa do Estado, a provincia de Pontevedra incrementa a súa rendibilidade no sector turístico
Por Oskar Viéitez |