O servizo de recollida de lixo da Lama está do trinque
Por Redacción
O Concello da Lama contará a partir deste venres cun novo camión de recollida de lixo que substitúe a un vehículo que se atopaba moi deteriorado polo servizo desempeñado ao longo dos anos.
O alcade da Lama, Jorge Canda Martínez, recepcionou o novo camión este xoves e anunciou que prestará servizo a todo o municipio, xunto co outro vehículo de menor capacidade e tamaño que se emprega, basicamente, para acceder a zonas con camiños estreitos e con especial dificultade para o acceso dos convencionais.
O vehículo adquirido polo Concello da Lama ten un custo de 139.000 euros que será financiado con cargo a unha operación de crédito a interese cero negociada coa Deputación de Pontevedra. Supoñerá unha amortización anual mínima e cómoda para as arcas municipais, que se atopan en situación de solvencia económica.
O camión que agora deixa de usarse esgotara xa a súa vida útil polo importante uso que viña dando ao ter que percorrer os máis de 90 lugares e núcleos rurais que compoñen o municipio da Lama.
Este moderno vehículo estará adscrito ao servizo municipal de recollida de lixo e limpeza e está dotado dos máis modernos sistemas aplicados a este mester. Vai completamente rotulado coa imaxe da campaña que impulsa o Concello da Lama de separación de residuos sólidos co fin de axudar na concienciación cidadá neste sentido e a favor da reciclaxe.