O xurado popular declara culpables de homicidio aos acusados do crime de Lérez
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O xurado popular declarou culpables de homicidio a Constante Sánchez Penelas e José Manuel González Cruz, pola morte a golpes de Pilar Fernández Otero, a veciña da parroquia pontevedresa de Lérez, durante o asalto á vivenda na que a octoxenaria vivía soa.
Os dous acusados recoñeceron a autoría dos feitos durante o xuízo celebrado esta semana na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra aínda que alegaron que actuaron movidos pola súa grave adicción ás drogas.
A pesar desta confesión o fallo do xurado non foi unánime e por oito votos a favor e un en contra os membros do xurado entenderon que quedou probado que ambos os acusados "de común acordo" entraron na vivenda da muller de 87 anos de idade e tras acceder ao interior sorprendérona e "empezaron a golpeala reiteradamente e con gran contundencia sen importarlle acabar coa súa vida".
No resto do veredicto houbo unanimidade por parte do xurado. Entendendo probadas as agravantes do uso do disfrace e a de abuso de superioridade e as atenuantes da confesión dos feitos e a drogadicción.
Estas circunstancias levaron á Fiscalía a modificar a súa solicitude inicial de condena de vinte e oito anos e medio de cárcere ata os quince anos. Xa non estima a representante do Ministerio Público a existencia dun delito de asasinato senón dun homicidio, unhas formulacións aos que se adheriron as avogadas que exercen as defensas.
A fiscal Marta Durántez foi clara ao afirmar que Constante e José Manuel "no tenían intención de matar pero sabían que eso podía ocurrir y actuaron sin importarles las consecuencias".
Na súa petición de penas a Fiscalía reclamou que se lle impoñan a cada un dos acusados 11 anos e medio polo homicidio e 3 anos e medio polo roubo. Para o furto e uso de vehículo, dada a insolvencia dos acusados, cambia as súas penas de multa por traballos en beneficio da comunidade.
En canto ás indemnizacións a Fiscalía reclámalles 25.000 euros para cada un dos dous fillos da vítima, a devolución ao Sergas de 35.352 euros derivados da atención médica prestada á muller e a entrega ao dono do coche roubado de 1.274 euros polos danos causados. Ademais pide a entrega dos bens roubados aos herdeiros da anciá
As defensas mostraron a súa conformidade coa petición de condena da fiscal.
O xurado tamén se mostrou desfavorable á suspensión da condena e a que se lles conceda un indulto, ben sexa total ou parcial.